Japo, rap feito en Guitiriz

David Gómez acaba de presentar o seu primeiro disco, Ausencias, con dez temas nos que combina as composicións íntimas coa temática social e a crítica ao sistema

David 'Japo' Gómez. C.PÉREZ
photo_camera David 'Japo' Gómez. C.PÉREZ

Unha espiña cravada dende a adolescencia. Iso é o que era para o rapeiro guitiricense David Japo Gómez a posibilidade nunca materializada de recoller as súas letras nun disco. Ata o de agora. Ausencias converte en realidade ese vello soño, sen máis nin menos pretensións que compartir un anaquiño de si mesmo con aqueles que se tomen o tempo de escoitar o seu debut discográfico.

Hai unha década, un amigo animouno a escoitar Basado en hechos reales, de Nach, e aí comezaba o seu interese por un xénero, o rap, no que cita como referentes a Keny Arkana, Santiuve o Los Chicos del Maíz. Definindo un estilo propio, as súas composicións "en galego e en castelán, aínda que me gustaría que fose todo en galego" van da temática "íntima á social ou política, con críticas ao sistema", precisa.

Resiste, cuxo videoclip xa se pode ver en YouTube, é o tema de presentación do disco, que está a venda no Soa

Das dez que se inclúen no traballo, no segundo grupo integraríase Resiste, o seu single de presentación. No videoclip, que xa se pode ver na canle Japo GZ de Youtube, o espectador poderá debullar unha crítica análise social, descubrir un convidado sorpresa ou xogar a identificar as localizacións na que se gravaron as imaxes.

Unha delas é o Soa, onde está a venda o disco e no que Japo actuaba hai uns meses xunto a outro rapeiro guitiricense, Sabino, co que colabora en Cara B, outro dos temas de Ausencias.

As dúas son pezas compostas agora para o disco, mentres que outras se corresponden co traballo de Japo hai uns anos, no que se atopa a orixe do proxecto. "Tiña unhas cancións gravadas de 2012 e pensei en gravalas nun estudio profesional, entón animáronme a completar e sacar un disco xuntando o de antes co de agora", di Japo.

Alfonso Blanco, que lerá o pregón da Romaría Labrega dos Vilares este sábado, convidou a Japo a acompañalo na intervención

Comezaba así unha andaina na que tivo a axuda de Jahel Piñeiro, responsable da gravación do disco en 8 Estudios, e de Diego Pena, o artista gráfico guitiricense que deseñou a carátula.

Para sacar adiante o proxecto tamén foi fundamental o apoio de Xermolos, con cuxo coordinador preve compartir escenario o sábado 11 na Romaría Labrega da Chaira, nos Vilares. Alfonso Blanco lerá un pregón que incluirá poesía e música e convidou a Japo a acompañalo.

Comentarios