Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Jaime González: "Somos o tecor máis grande de Galicia e imos ser o mellor"

Jaime González, presidente do tecor Terra Chá. MARTA MANCEBO
Jaime González, presidente do tecor Terra Chá. MARTA MANCEBO

O cospeités Jaime González vén de asumir o reto de presidir o tecor Terra Chá, unha entidade de cazadores que suma máis de 600 socios.

Jaime González vén de asumir a presidencia do tecor Terra Chá, un couto de caza cunhas 46.000 hectáreas de extensión, que integra os concellos de Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza e que loita por manter viva unha práctica que "axuda ao medio ambiente, xera movemento económico e crea vínculos entre os veciños do rural".

Como afronta o reto de dirixir o tecor Terra Chá? Xa estaba vencellado á directiva?

Si, estaba como secretario. Non creo que cambie moito, xa que a nosa idea é seguir unha liña continuísta. Sobre todo no aspecto económico, que pretendemos asentar definitivamente, e aspiramos a amplialo no social. Temos que darlle un pulo aos campionatos alternativos vinculados á federación galega.

É un dos nosos principais obxectivos. Pero hai máis?

Si, non podemos quedar só con que somos o tecor máis grande de Galicia, senón que tamén temos que traballar para conseguir ser o mellor. Non todo é raposo, corzo e xabaril, hai máis cousas e temos que profundar niso.

De que orzamento dispoñen?

Ao redor dos 100.000 euros.

E cantos socios suma actualmente a entidade?

Somos uns 630, unha cifra que, lamentablemente, baixa ano tras ano.

Ese é un dos principais atrancos aos que se teñen que enfrontar?

Así é. Pérdense uns 35 socios anualmente e temos que solucionalo. A idea é abrir o tecor a unha parte que ata o momento estaba esquecida, como por exemplo, á cetraría. E, a partir de aí, tratar de atraer novos socios. Non é que sexa un mal só do noso tecor, senón que o envellecemento da poboación tamén nos condiciona moito.

Actualmente temos unha cota de 160 capturas, trataremos de amplialo co visto bo da Xunta para axudar aos agricultores da zona

Pero a directiva está formada por xente nova. Cal é a media de idade?

Estamos ao redor dos 35 anos. É probablemente a directiva máis nova de calquera dos tecor que hai en Galicia.

E cal cre que é o estado de saúde da caza?

En liñas xerais a práctica da caza maior, sobre todo de xabaril, ten unha participación alta. É o que marca a tendencia. De feito, hai nalgún tecor no que non se cazaoutra cousa. Porén, hai pouca caza menor autóctona, o que implica repoboar e iso sempre sae moi caro.

Hai un perfil que se decanta máis por unha ou outra modalidade?

Si. A caza de xabaril é para xente máis nova. Os maiores prefiren a caza menor, porque están afeitos a ir por libre e non tanto en cuadrillas. O 90% dos que se inician na práctica se decantan pola maior.

Falou de atrancos, pero que vantaxes ten ser o tecor máis grande en extensión de toda Galicia?

Unha das cuestións máis positivas é que os socios teñen moito onde escoller, grazas á xestión que se fixo. Hai caza maior e tamén menor coa solta de 4.000 perdices e uns 1.200 coellos ao ano. Ademais, tamén hai raposo e aves migratorias en abundancia. Somos un tecor rico cinexeticamente, é o que nos permite seguir vivos e ser capaces de contar con máis de 600 socios.

Organizamos campionatos de rastro de xabaril, tiro ao prato, raposo ou cetraría, queremos ter máis visibilidade

Que actividades teñen previsto promover?

A fin de semana pasada acollemos un campionato de rastro de xabaril do club Sahueso Español. Tamén organizaremos o campionato social de rastro de xabaril salvaxe, o de tiro ao prato, o do raposo, o de cetraría e esperamos albergar o aberto galego desta modalidade. E estamos dispostos a colaborar coa federación en calquera iniciativa, para darlle maior visibilidade ao noso tecor.

O día 15 participarán nunha concentración en Santiago. Cales son as principais reivindicacións?

Os cazadores estamos fartos de que se nos tilde de antianimalistas, cando somos todo o contrario. Por iso, está previsto que vaian á concentración unhas 200 persoas do noso tecor.

Cal é en realidade a visión que teñen da súa actividade? O que queren que chegue á opinión pública?

A caza é unha ferramenta que axuda ao medio ambiente, tamén xera movemento económico e crea vínculos entre os veciños do rural. Por iso non estamos dacordo con que nos poñan o San Benito de que somos antianimalistas. De feito, gustarianos nesta nova etapa poder dar resposta aos agricultores que sofren os ataques do xabaril. Actualmente temos unha cota de 160 capturas que, co visto bo da Xunta, esperamos poder ampliar.

"O Breogán é a miña gran paixón, afección que comparto coa muller e o fillo"
A que se dedica profesionalmente?
Traballo nunha industria láctea, en Meira.
Que foi o que o motivou a presentarse á candidatura do tecor Terra Chá?
Convencéronme, pero principalmente aceptei porque son un apaixoado da caza.
Ademais da presidencia do tecor, estivo noutras entidades?
Si, sempre me gustou colaborar cos demais, ou máis ben non sei dicir que non (ri). Estiven nunha asociación xuvenil e fun tesoureiro e director deportivo do Castro. Actualmente son secretario do GDR Terra Chá.
Naceu en Xustás, aínda que reside habitualmente en Lugo. Ten algún recuncho especial na súa parroquia?
A área recreativa, polas vivencias na infancia, xogando ao tenis e ao fútbol cos amigos.
Un lugar para cazar?
Negueira de Muñiz.
Que prefire, caza maior ou menor?
Caza maior, unicamente xabaril.
Un can?
Calquera que traballe ben, independentemente da raza.
Ademais da caza, que outras afeccións ten?
O Breogán, por enriba de todo. É unha afección que, afortunadamente, comparto coa miña muller e o meu fillo.

 

Jaime González: "Somos o tecor máis grande de Galicia e imos ser o...
Comentarios