domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Iván Rodríguez: "A produción é sinxela de fomentar, os produtos teñen moi boa saída"

Iván Rodríguez, veteriarnio de Asoporcel. EP
Iván Rodríguez, veteriarnio de Asoporcel. EP

O veterinario de Asoporcel, que asumiu en 2016 a dirección técnica da raza porco celta, falará este mércores en Muras de Grupos operativos con porco celta en sistemas silvopastorais na cuarta reunión da Rede Galega de Innovación Agroforestal, que promove a USC co apoio de distintas entidades, coma Feuga

Cal é o obxectivo desta xuntanza de Afinet en Muras?

Esta actividade é unha das moitas levadas a cabo no marco do proxecto europeo Afinet, unha iniciativa coordinada polo Grupo de investigación Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC, a través do que se pretende fomentar o desenvolvemento de prácticas agrícolas e forestais sostibles e adaptadas ó clima en Europa. Neste sentido, o aproveitamento silvopastoral con gando porcino da raza porco celta resulta unha alternativa idónea. O fin último deste proxecto é establecer un intercambio de coñecementos e informacións para mellorar a sostibilidade e a competencia do sector agroforestal.

En que vai consistir a súa intervención?

Precisamente durante a nosa intervención na actividade que terá lugar en Muras presentaremos e daremos a coñecer os traballos de investigación nos que participa Asoporcel e que están baseados en sistemas silvopastorais con porco celta. Estamos presentes en dous grupos operativos, nun deles preténdense extraer datos que permitan establecer un sistema de clasificación de canais de porco celta e no outro estúdase o efecto do sistema de cría e da idade de sacrificio sobre a calidade da carne de porco celta. A maiores dos grupos operativos, temos en marcha un proxecto piloto no que se concibiu un modelo de utilizade para o aproveitamento silvopastoral con esta raza mediante un sistema modular, autónomo, transportable e baseado nas enerxía renovables, que na actualidade está en funcionamento no MVMC de Carballo (Friol).

Que ideas ou conceptos espera que quede clara, que chegue aos asistentes? 

Sen dúbida, o primordial é que se interiorice a importancia de instaurar prácticas agrícolas e forestais que sexan sostibles e idóneas para as particulares condicións edafolóxicas, orográficas e climatolóxicas das zonas onde se instauren, non só para acadar maiores rendementos económicos e abaratar custes senón tamén para garantir a conservación do noso medio e da biodiversidade e poñer freo a inconvenientes como poden ser os incendios forestais, as pragas, etc.

En Muras daremos a coñecer os traballos de investigación nos que participa Asoporcel e que se basean en sistemas silvopastorais con porco celta

Cal é o cometido de Asoporcel?  

O cometido principal é a xestión do Libro Xenealóxico da raza. Non obstante, son moitos os eidos nos que se está a traballar dende esta asociación procurando dar solución e apoio a todas aquelas propostas que poden facilitar a tarefa dos criadores, abaratarlles custes ou axudar a diversificar as súas producións. Facemos unha labor moi importante na promoción e publicidade da raza e dos seus produtos asistindo a un gran número de feiras gandeiras, festas gastronómicas, festivais... así como coa asistencia a actividades de divulgación e de transferencia tecnolóxica como pode ser esta que se celebra en Muras. Ademais a asociación é a cesionaria do uso do logotipo 100% raza autóctona celta, que é unha marca de calidade propiedade do Ministerio de Agricultura, baixo a que saen ó mercado tódolos produtos derivados do porco celta. Asoporcel é a responsable de autorizar ós distintos operadores implicados (primarios, matadoiros, elaboradores....) e de facer o seguimento da trazabilidade e as verificacións pertinentes.

Cantos socios son? Como está a situación na Chaira?

Na actualidade contamos con 122 socios, titulares todos eles de explotacións porcinas dedicadas á cría en pureza da raza porco celta. En total son 127 explotacións gandeiras colaboradoras no programa de conservación da raza, 13 das cales se localizan na comarca da Terra Chá, concretamente nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, Muras, Vilalba e A Pastoriza.

Que obxectivos teñen marcados?

Consideramos que é momento de medrar, de poñer todo da nosa parte para profesionalizar ó máximo as explotacións colaboradoras de porco celta e conseguir homoxeneizar a produción, así como aumentala de xeito proporcional ó aumento da demanda do consumidor, garantindo a calidade e mantendo os valores de respecto ó medio ambiente e o benestar animal que caracterizan a este tipo de ganderías. 

Que pasou para que a que era a raza propia se perdese?

A redución dos censos desta raza ata case a completa desaparición, así como doutras razas autóctonas, produciuse a consecuencia a intensificación das producións gandeiras e da introdución de razas foráneas que teñen uns menores tempos de crecemento e maiores rendementos cárnicos. De xeito que, nun momento no que a situación económica estaba remontando despois do convulso período que supuxo a primeira metade do século XX, ante o aumento da demanda de alimentos, e principalmente de proteína animal, empezou a primar a cantidade sobre a calidade para poder abastecer os mercados, polo que as razas que aportaban máis quilos de carne en menor tempo eran moito máis interesantes que aquelas que, aínda sendo moi rústicas e estando moi adaptadas ó medio de onde eran orixinarias, medraban de xeito máis lento e non tiñan un aptitude para o engorde tan marcada.

Contamos con máis de 600 nais e 150 sementais, pero a raza aínda está lonxe de acadar o limiar para deixar de estar en risco

Cando e como se iniciou a recuperación? Que papel xoga a Chaira nesa recuperación?  

Os traballos de recuperación da raza iniciáronse en 1999 coa creación da asociación e a busca por toda a xeografía galega de pequenos núcleos onde aínda criaban este tipo de animais para autoconsumo, principalmente, cos que se iniciou un banco de animais vivos dos que partir a recuperación. Desde logo a provincia de Lugo é a que máis explotacións de porco celta aglutina, máis do 40% do total, e a Chaira concentra case o 25% das ganderías dedicadas a esta raza na provincia de Lugo, así que cuantitativamente o papel que xoga na recuperación da raza é moi significativo.

Cal é o seu estado de saúde da raza agora? 

Esta raza está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción, e aínda está lonxe de acadarse o limiar para deixar de estar en risco de desaparición. Porén, levamos un par de anos cun número de efectivos reprodutores en lixeiro aumento e esperamos que co esforzo de todos a tendencia sexa sempre ascendente. Agora mesmo contamos con máis de 600 nais e 150 sementais.

Cales son os puntos fortes?

Os puntos fortes que nos axudan neste labor de recuperación e de conservación da raza parten no compromiso e colaboración dos criadores, a incorporación de xente nova a este tipo de actividade gandeira con moitas ganas, ideas e iniciativas e o apoio das administracións. Sen esquecer que este tipo de produción gandeira é moito máis sinxela de fomentar porque os seus produtos teñen moi boa saída ó mercado, son moitos e moi variados e forman parte das tradicións galegas. Ademais nos últimos tempos estanse a fomentar moito os aproveitamentos silvopastorais con porco celta, que non solo nos permite obter carne de boa calidade senón que tamén axudan a previr o risco de incendios contribuíndo á boa imaxe destas ganderías e das súas producións.

Nestes momento a demanda é superior á oferta e, aínda que o mercado principal está en Galicia, o porco celta xa é coñecido noutros puntos de España

Existe demanda para o produto?

Afortunadamente, nestes momentos a demanda é superior á oferta. O público en xeral coñece ou escoitou falar da raza nalgún momento e iso tira da demanda de produtos de porco celta. O mercado principal está en Galicia pero xa é coñecido noutros puntos de España. Ata o de agora o máis demandado eran os produtos elaborados salgados e curados, pero ultimamente tamén medrou a demanda de determinados despeces de carne fresca e produtos novidosos como poden ser as hamburguesas, croquetas, etc.

Pódese vivir de criar porco celta?

Pensamos que si é posible dedicarse a esta actividade gandeira como medio de vida, pero iso sempre pasa pola profesionalización dos gandeiros, unhas instalacións adecuadas e un bo manexo da sanidade e da alimentación dos animais. Evidentemente para conseguir que sexa unha actividade económica principal serían necesarios un mínimo de cabezas. Actualmente máis do 90% das explotacións asociadas son de tipo familiar e teñen limitado o censo a catro porcas de cría, un semental e/ou 25 animais de cebo, que ao mesmo tempo han de ser explotacións rendibles pero cun censo tan pequeno non se pode considerar un medio de vida único. De feito, sempre son actividades complementarias e secundarias a outra principal. 

De preto: "Visitas as explotacións é a parte que máis me gusta do meu traballo"

Cal é o seu animal favorito?
Aínda que me gustan todos os animais, desde sempre teño predilección polos animais de renda, especialmente polo porco, sendo o da raza Celta o meu favorito. 

Do porco aprovéitanse ata os andares?
Certo. É un dito moi antigo e real. Aínda que ás veces varía segundo as zonas xeográficas, xeralmente sácaselles proveito a tódalas partes do porco.

E se ten que escoller unha parte?
A estrela sempre é o xamón, e neste caso con razón porque son pezas moi infiltradas cunha graxa de calidade, lixeira, untuosa e fundente, que fan deste produto un auténtico manxar. Recomendable probalo.

En Vilalba fixéronse unhas xornadas de degustación da raza, que lle parecen este tipo de propostas?
Pois paréceme unha maneira fantástica de dar a coñecer e promocionar os produtos autóctonos e de produtores próximos. É un atractivo máis para fomentar o turismo gastronómico nas distintas zonas. Coido que se repetirán estas xornadas debido ó interese que espertaron entre o público.

Atende os porcos dende que nacen, un non lles colle un pouco de cariño?
Aínda que o porco está considerado un animal bastante teimudo, deixase querer.

Visita con regularidade as explotacións, cal é a súa área de actuación? Cantos quilómetros pode facer nun mes?
Dado que as explotacións están distribuídas por toda Galicia, podo chegar a facer máis de 3000 quilómetros nun mes, aínda que é laborioso, é a parte que mais me gusta do meu traballo. O contacto cos gandeiros é moi gratificante.

Pensou en cambiar de traballo?
Aínda que xorden oportunidades profesionais de cambio hoxe en día estou totalmente volcado no porco celta.

Que quería ser de pequeno?
Veterinario

De non ser veterinario sería...
Tiven claro desde sempre que me dedicaría a algo relacionado cos animais, ser veterinario sempre foi o meu soño. 

 

Iván Rodríguez: "A produción é sinxela de fomentar, os produtos...
Comentarios