Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Iván Díaz: "A velutina é un problema globalizado que require dunha solución colectiva"

Iván Díaz, presidente da asociación de apicultores Serra da Carba. M.MANCEBO
Iván Díaz, presidente da asociación de apicultores Serra da Carba. M.MANCEBO

Unha vintena de afeccionados ás abellas conforma a Asociación de Apicultores Serra da Carba, presidida por Iván Díaz Souto. A entidade loita contra a presenza cada vez máis importante da vespa asiática

Como se xestou a creación da asociación?
Naceu dun grupo de apicultores que tiñan as súas colmeas na zona da Serra da Carba e que estaban preocupados polo tema da vespa velutina, vai facer xa tres anos. O ano pasado decidimos formalizar o traballo que estabamos desenvolvendo coa creación oficial da asociación.

Con cantos integrantes conta?
Agora mesmo somos 21.

Vostede asumiu a presidencia. Quen o acompaña na directiva?
María del Mar Trastoy é a vicepresidenta; Dulce Barro, a secretaria; José Trastoy, o tesoureiro, e José Orosa e Álvaro Cobas, os vogais.

Presentáronse en sociedade o pasado mes de novembro. Como foi a acollida?
Moi boa. Contamos coa presenza de moitos veciños e tamén de autoridades. Vese que o tema da velutina preocupa.

"En Vilalba hai unha 70 explotacións apícolas censadas, que ascenden a un cento coas que non o están"

Un dos acordos ao que se chegou foi impartir charlas informativas polas parroquias, unha tarefa que se desenvolveu ao longo do último mes. Que tal funcionou?
Estamos moi satisfeitos. A xente involucrouse moito. Para nós é importante, xa que a nosa preocupación é que os veciños colaboren na campaña de trampeo. A vespa velutina é un problema globalizado que require dunha solución colectiva.

Como de grave é en Vilalba? Que cifras manexan?
No último ano retiráronse ao redor de 40 niños e capturáronse máis de 2.000 raíñas. As cifras increméntanse ano a ano, quizais porque tamén imos mellorando a técnica á hora de capturalas. Todas as parroquias de Vilalba están afectadas, pero especialmente as de Santaballa, Goiriz, Román e Lanzós.

Piden a colaboración cidadá para a nova campaña de trampeo. Cando comezará?
Co inicio da primavera climatolóxica, cando as temperaturas oscilen entre os 12 ou 13 graos. É algo progresivo, vai por zonas, como tamén o é a colocación das trampas. Nas charlas incidimos moito en que é moi importante revisalas os primeiros días diariamente e, despois, de xeito semanal. Se non hai resultados, hai que retiralas. O ideal é instalalas cerca de froiteiras, camelias, rododendros e apiarios, ademais de onde houbo algún niño.

Quen lle vai facilitar aos veciños o material para facelo?
O Concello de Vilalba comprometeuse a repartir trampas e atraente. Inicialmente vanse empregar trampas comerciais da marca Veto-pharma, que é a que mellor resultado está tendo, aínda que nós comprometémonos a explicar como facer as trampas e o atraente caseiro.

E para retirar os niños, como traballan?
Facémolo cos nosos propios medios. A asociación de comuneiros de San Simón mercounos unha pértega que chega ata os 25 metros dende o chan. Un dos socios ideou outro sistema cunha caña de pesca á que se lle conecta un insecticida. É moi efectiva e cómoda. Imos probando co que podemos. O problema que temos é que case non hai datos sobre a velutina máis alá de catro ou cinco escritos. Imos dando paus de cego.

Hai moito por aprender?
Moitísimo. O que lle pedimos á xente é que sexa coidadosa. Que chame ao Concello ou ao 012 para a retirada de niños secundarios, algo que ten que facer persoal especializado. Tamén pedimos precaución cando vaian desbrozar. Hai niños a poucos metros de altura e tamén na terra. Se van desbrozar é importante que observen a media mañá ou media tarde se hai actividade de insectos.

Teñen previsto poñer en marcha algunha outra iniciativa?
Temos pensado poñer en marcha un apiario tradicional didáctico, unha iniciativa que desenvolveron os nosos socios Pepe e Héctor, e que está pendente dos trámites finais. Tamén impartiremos nas próximas semanas unha charla no colexio de Monseivane en Lanzós.

A apicultura é unha afección en alza na comarca?
Si, no municipio de Vilalba hai ao redor de 70 explotacións censadas, que poden ascender a un cento se contabilizamos as que non o están.

Pode converterse nun medio de vida?
É complicado a profesionalización. Hai moitos altos e baixos, pero si que pode ser unha boa fonte de ingresos complementarios para a xente do rural.

Iván Díaz: "A velutina é un problema globalizado que require dunha...
Comentarios