Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Isabel Goti: "Antes eran todo homes, agora hai máis igualdade e moi boas apicultoras"

Isabel Goti, na Casa do Mel. CRISTINA ARIAS
Isabel Goti, na Casa do Mel. CRISTINA ARIAS

Está na directiva da Casa do Mel, que este ano celebra o seu 15º aniversario, case dende os comezos, e co seu traballo loita para achegar o mundo das abellas a todo aquel que estea interesado. Esta semana participa nun curso de iniciación en Muras. 

Contaxia o seu amor polas abellas ata a aquel que escapa cando escoita unha a un metro. Empezou hai 14 anos no mundo das colmeas por cuestións familiares e enganchouse. Isabel Goti foi das pioneiras. Na directiva case dende o principio, medrou como apicultora ao tempo que se foi formando a Casa do Mel de Goente, que este ano celebra o seu 15º aniversario.   

Como muller, foi máis difícil?
Daquela empezaba tamén Noelia —outra técnica—. Eramos as primeiras. A maioría dos socios eran homes de 60 e 70 anos. Digamos que tiveron as súas discrepancias. Non nos pecharon a porta pero había unha certa preocupación. Tratábannos con máis coidado, para que traballásemos na oficina e que non nos picasen as abellas. 

E agora?
Hai moitísimas. Nos primeiros cursos empezaron a vir as mulleres dos socios, que non se achegaban ás colmeas, e hoxe hai máis igualdade e moi boas apicultoras. 

Cantos socios hai? 
Case 300. Subiu moitísimo. 

Por que? 
Hai moitos motivos. A crise, e que a apicultura pode ser unha alternativa económica. Polas axudas que ofrece a administración, que son máis. E porque colleu un perfil de xente nova, de 30 e pico anos. 

Ese sempre foi un dos principais retos, sumar xente de menor idade. 
O principal labor da Casa do Mel foi sempre divulgativo e formativo. Pero a apicultura pode medrar moitísimo, non estamos nin na metade do que se pode facer. 

Como que? 
Dende xenética a apiturismo, gastronomía... Non é só mel e cera, hai que aproveitar outras posibilidades da colmea como o polen ou o propóleo. Mel é unha palabra moi ampla. Hai moitos, distintos, segundo as floracións. Iso antes non se aproveitaba, sacábase só en outubro e agora faise por floracións e rendibilízase máis. Non é igual o prezo dun monofloral que dun multifloral. 

A xente distíngueos ao gusto? 
A xente é quen de distinguilo. Ademais das catas, facemos unha pequena degustación en todas as visitas guiadas —pasan ao redor de 4.000 persoas ao ano pola Casa do Mel— e a xente queda cos sabores e búscaos á hora de mercar. Un consumidor informado é un consumidor fiel.  

Comercializan mel da Casa do Mel dende hai anos. Como vai? 
Subimos todos os anos. Este estaremos en torno ás 15 toneladas. Véndese todo aquí ou en pequenas tendas, etiquetado e identificado, porque se comercializa o mel de cada un por separado. 

E que tal esta tempada?
Mal. Este ano en agosto non entrou aínda ningún mel. Polo que choveu, o do eucalipto perdeuse e ata que chegou a silva non reflotaron as colmeas. Coa chuvia volveu estropearse, do castiñeiro algo aproveitaron e esperamos agora a ver que pasa co breixo. 

Como vai a loita coa velutina? 
Este ano chegou máis tarde pero está aí. Os apicultores imos buscando formas de defendernos, trampas, arpas... pero é un problema para os pequenos apicultores, que son máis vulnerables. Hai que crear apiarios fortes. 

Que falta? Tómase en serio? 
Investigación e responsabilidade por parte da administración. Non se toma en serio, aínda que a xente está máis concienciada. Hai que esperar moito para que retiren os niños e a xente bota man dos apicultores. Fannos responsables da retirada e iso non é así. 

Déronse varios casos de mortes. Falta información?
Non hai alarma social pero si accidentes, sobre todo en desbroces. Recomendamos observar a zona de traballo e ter a man algunha protección. Hai que ter precaución e non achegarse aos niños. 

Cal é o reto da Casa do Mel? 
Este ano deuse especial importancia á cera. A que venden industrialmente é malísima e trae problemas sanitarios para as abellas. Dispoñemos de dúas laminadoras refrixeradas e vaise poñer unha máis de rodillos que permite laminar moitos quilos. Tamén temos solicitada unha esterilizadora. E de cara ao ano que vén centrarémonos máis na reprodución e na xenética para buscar unha abella máis resistente ás enfermidades, máis produtiva, e para manter a abella negra de aquí, a nosa. Ata o de agora na incubadora só se seleccionaba a raíña, pero imos traer unha mesa de fecundación artificial para poder seleccionar machos e femias. As xornadas de outubro irán enfocadas por aí. 

O mes da Feira do Mel de Goente, como funciona? 
É un escaparate para o noso produto moi importante. Está moi consolidada e véndese moito mel. 

Están involucrados tamén na Feira do Mel de Muras. 
Funciona moi ben. Muras é importante para nós, temos moitos socios, hai un clima marabilloso, unha floración moi ampla e é un referente moi importante. Para o Concello tamén é importante formar á xente porque alí a media de idade é moi alta e necesítase un relevo e que se asente xente de alí. Hoxe empeza un curso de iniciación alí —tamén os fan en Becerreá, San Sadurniño ou Irixoa— e a idea é poder ter un apiario didáctico, como o de San Sadurniño. Nas Pontes, a través dun convenio con Endesa, permítennos ter ata 200 colmeas na entulleira. 
 

"Cando quero un día de relax vou ás abellas"
Cantas colmeas ten na actualidade? 
Entre 80 e 90. Pero nunca máis como este ano, que estou agobiada con tantas. 

Din que é arriscada. Tivo algún susto? 
Non. Susto de dicir non volvo, nunca. 

Qué é o mellor de ser apicultora? 
Cando quero un día de relax vou ás abellas, o que me relaxa ir ás colmeas! 

Cal é o mellor mel? 
Gústame moito o mel claro, e eu son de eucalipto. É a miña paixón. 

E o mellor momento para degustalo?
Gústame de postre e á merenda, como mo daba miña avoa. Agora aquí catámolo en calquera momento, pero na casa tamén se toma. O meu fillo é moi consumidor de mel. 

Cal é o traballo das técnicas na Casa do Mel? 
Fomos medrando coa Casa do Mel e aprendendo e formámonos en todo. Igual imos ás abellas que se fai unha análise ou se atende unha excursión. Isto pedía outras dúas persoas xa para facer o traballo que temos. 

Que é o máis satisfactorio do traballo?
Difícil! Quizais cando fas un curso de iniciación e compartes catro tardes, ver despois o entusiasmo co que empezan algúns e ver medrar a algún que chegou sen ningunha colmea e hoxe ten cen. 

Hai moitas anécdotas, tópicos, algunha pregunta recurrente dos nenos...?
Si, pero tamén de maiores. O outro día un señor dixo que quería empregar ben a palabra zángano, que lle explicásemos por que se comparaba cun vago. 

E cal é a resposta? 
A súa función só é a fecundación pero traballa moi pouco. Cando escasea a comida as abellas expúlsano, pero mentres vive a conta delas. 

Se fose un habitante da colmea, cal sería? 
Unha obreira, claro, identifícome máis con ela. Vivir como unha raíña é unha desgraza. Así cumpro 18 días e vou traballar fóra. 

E se tivese unha variña máxica. Cal é o soño, o desexo, para a Casa do Mel?
Que sexa un referente na apicultura da xuventude, detrás deles vén todo o demais. 

Isabel Goti: "Antes eran todo homes, agora hai máis igualdade e moi...
Comentarios