Irmandade a ritmo de muiñeira

A Feira da Maquinaria Usada de Cospeito repite aposta coa celebración da II Festa da Música mañá, cando actuarán o grupo local Asubíos da Chaira e os vascos Os Jarteiriños-Nosa Xente
undefined
photo_camera Asubíos da Chaira e Dambara, na primeira edición. EP

A Feira da Maquinaria Usada de Cospeito terá, por segundo ano consecutivo, un espazo para cantar e bailar ao son dos ritmos tradicionais coa celebración da II Festa da Música, na que actuarán os cospeiteses Asubíos da Chaira e o grupo invitado, os vascos Os Jarteiriños-Nosa Terra.

Despois de presentar a novidade na edición pasada, na que o grupo convidado foi a banda de gaitas Dambara, de Burela, a cita cospeitesa certifica a continuidade da aposta pola música, que será mañá, domingo, ás 13.30 horas na Praza Campo da Feira, na capitalidade municipal. Ademais, hoxe Asubíos da Chaira e mañá Os Jarteiriños-Nosa Terra farán cadanseu pasarrúas.

A promotora da música na asociación Asubíos da Chaira, Andrea Méndez, explica que a Festa da Música xurdiu porque querían "facer intercambios culturais con outras bandas de música", e ademais tiñan ganas de que fosen de "fóra de Galicia".

Seguindo esa idea, Asubíos da Chaira foi ao País Vasco a tocar cos Jarteiriños-Nosa Terra o 8 e o 9 de xullo do ano pasado, nunha experiencia "marabillosa", di Andrea, e agora é a banda vasca a que chega á Feira do Monte para amosar a súa música e facer que o público goce con eles.

Ademais dos concertos e dos pasarrúas, ámbolos dous grupos farán unha xornada de convivencia durante a fin de semana. "É algo moi bonito que non poderiamos facer sen a axuda do Concello de Cospeito –organizador do evento– e da asociación de mulleres rurais Cousas Nosas, en temas como o aloxamento e as comidas, entre outros", indica Andrea Méndez, moi agradecida por esta colaboración que nacía o ano pasado e espera que teña continuidade.

"A primeira edición, que foi un pouco de proba, fixémola coa banda de gaitas Dambara, de Burela. Nós fomos alí ás festas patronais, tocamos con eles e fixemos piña, e eles fixeron o mesmo despois na Feira da Maquinaria Usada", apunta, moi contenta co resultado obtido daquela xa que, ademais de "atraer moita xente a pesar de non facerse previamente e ser algo completamente novo", serviulles para "gañar moita amizade coa banda de gaitas e formar irmandade", algo que ven con moi bos ollos en Asubíos da Chaira.

Un grupo en crecemento
Asubíos da Chaira conta agora mesmo con 60 persoas dentro da asociación, que se dividen en varios grupos segundo idades e niveis. Os nenos están nos Asubiíños, nos que hai á vez catro escisións. Despois están os preasubíos, onde está a xente que non quere tocar e só vai aprender ás clases, ou a que aínda non ten moita experiencia, e o grupo que sae actuar. Tamén contan con tres agrupacións de baile: dúas infantís e unha de adultos.

Inicios Asubíos da Chaira fórmase no ano 2019 e comeza cun curso de pandeireta, que foi «todo un éxito», explica Andrea. "Despois, moita xente estaba interesada en tocar outros instrumentos, e foi cando se artellou a creación do grupo", apunta. Citas O grupo conta con tres festivais fixos que fan anualmente: o de Nadal, a Festa da Música e o de fin de curso, onde só actúan os nenos.

Comentarios