Iria e Rami, Carmen e Julia gañan o certame infantil Begonte Queda na Casa

O evento estivo organizado polo Concello de Begonte
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Carmen e Julia, coas suás obras

Como explicarías o confinamento? Que fas para entreterte nestes días? Estas e outras preguntas son as que o Concello de Begonte lle facía aos nenos e nenas do municipio co concurso Begonte Queda na Casa, ás que debían dar resposta cun cómic, cunha narración ou cun vídeo. E as mellores, obterían un dos tres premios en xogo.

"Saímos todos xogando a cousas ou eu plantando con meu pai", explica Julia, de oito anos, sobre a súa obra, un cómic no que conta o día a día da súa familia e que a fixo merecedora dos 60 euros da categoría de narrativa e cómic para menores de nove anos.

Unha alegría que foi dobre na súa casa de Damil, pois súa irmá Carmen, de dez anos, gañaba a mesma recompensa grazas ao relato Quedamos na casa na categoría de 10 a 14 anos. A ela encántalle escribir: "No cole, unha amiga e eu escribimos contos e lémolos", lembra, mentres recoñece estar "bastante contenta" polo premio. E aínda que confesa que de cando en vez tamén se aburre, di levar bastante ben o confinamento, co seu día perfectamente estruturado: "Pola mañá facemos os deberes e pola tarde xogamos fóra e como agora temos uns gatiños pequenos, xogamos con eles".

"As dúas quixeron participar, Julia cun debuxo, porque está sempre debuxando, e Carmen preferiu escribir", confirma súa nai, Rocío Varela, quen precisa que o vivir nunha casa con finca fixo moito máis levadeiro un confinamento que toda a familia aproveitou para compartir tarefas, tempo e xogos.

Generated by  IJG JPEG Library"Aquí na aldea non o levamos mal, podemos saír fóra, porque vivimos nunha casa cun xardín pechado, somos uns privilexiados", confirma a súa veciña Ana Belén Piñeiro, a nai de Iria, de sete anos, e Rami, de once, ideadores da curta Pensa na saúde e queda na casa, a gañadora dos 100 euros do primeiro premio da categoría audiovisual (en la imagen).

"Aos dous lles gusta moito o teatro, así que tiñan claro que querían facer un papel, fixeron un par de ensaios e xa gravamos", di esta veciña de Damil sobre o traballo dos seus fillos, que escribiron un pequeno guión e apostaron por meterse na pel de Ramón e de María para reproducir unha conversa na que tiran de humor e de retranca para dar conta do que se debe e non se debe facer na corentena e a importancia de ser responsable.

E é que María "ten un problemón", porque precisa ‘pepitas’ de chocolate, mais Ramón descarta a idea de ir compralas, porque co coronavirus "por aquí" só se pode saír para o imprescindible e eles xa teñen "o conxelador cheo" tras matar en febreiro. María acepta, pero xórdelle outra necesidade imperiosa, a de mercar papel hixiénico. Ramón tamén ten reposta para iso, "témolo na horta".

"Gustoulles moito facelo, pasárono ben, e cando o pasas ben, nótase", asegura Ana Belén sobre un traballo que, coma todos os demais que se presentaron ao certame Begonte Queda na Casa, se pode ver no Facebook do Concello de Begonte.

Unha decena de recoñecementos
O certame Begonte Queda na Casa repartiu unha decena de premios entre os participantes.
Audiovisual
O xurado concedeu accésits a ‘O coronavirus de Pepa e Avelino’, de Arón e Karla (30 euros), e ao Ceip de Baamonde (agasallos). Tamén había un galardón de 80 euros para o vídeo máis votado en redes, que foi o de Xiao e Aleixo, ‘O derbi de ano’.
Narrativa/Cómic
Recibiron agasallos Daniel e Mateo, Hugo e Sabela, mentres que o premio das redes sociais, dotado con 40 euros, foi para ‘Heroes sen capa’, de Arón e Karla.
 

Comentarios