Descubre o recuncho de... Benigno Gómez

Invernés: A nostalxia feita lugar

O presidente de Atila volve sempre que ten ocasión a un recuncho sen bulicio e rodeado de natureza onde viviu ata os 15 anos
Núcleo de casas de Invernés, ao fondo a vivenda onde se criou Benigno Gómez. M.MANCEBO
photo_camera Núcleo de casas de Invernés, ao fondo a vivenda onde se criou Benigno Gómez. M.MANCEBO
Localización
Invernés limita cos lugares de Perros, Painceira, Porto do Río e Castiñeira. Para chegar ata este núcleo dende Muras hai que coller a estrada hacia Viveiro e no alto desviarse á dereita e seguir as indicacións dos sinais. 
Paisaxe
Unha das paisaxes máis orixinais de Galicia sitúase no Alto Eume, na contorna da Serra do Xistral, un gran macizo montañoso que alcanza os 1.000 metros. É aquí onde se localiza Invernés, a onde se pode chegar a través dunha ruta de sendeirismo, para atopar un lugar despoboado, cun clima húmedo e fresco e cunhas características similares ás montañas escocesas.
Curiosidades
Precisamente o nome deste núcleo murés tamén traslada ao que o coñece á capital das Highland: Inverness. Esta cidade conta coa peculiaridade de que aínda que ten unha patente real de 2001, non ten límites establecidos

A imaxinación de Benigno Gómez, presidente da asociación Atila de Muras, voa sen freo cara a Invernés, o lugar onde pasou a súa infancia e a súa primeira xuventude. O seu recuncho, o seu enclave preferido.

É aí, nese espazo tan familiar e cheo de recordos, a onde regresa con nostalxia sempre que pode. Agora, subido a algún dos seus cabalos, e moitas veces xunto á súa neta, que escoita con atención tantas e tantas historias de antes.

"Aquí viviamos tres familias, tres irmáns que casaron e tiveron a súa descendencia. Criámonos todos xuntos, eramos 18 persoas en total —el é o penúltimo de cinco irmáns—", rememora Benigno mirando de esguello ese inmoble, hoxe en estado ruinoso, no que viviu ata os 15 anos.

Durante todo ese tempo, traballou na casa, alindando e coidando o gando. "Polas mañá iamos á escola a Irixoa, andando, eran catro quilómetros de distancia para ir e outros tantos para volver", asegura o presidente de Atila, mentres precisa que xunto a el ían outros nove pequenos deste barrio pertencente á parroquia de Muras, que hoxe xa non conta co bulicio doutrora. 

INVERNÉS BENIGNO GÓMEZ (25)
Benigno Gómez, no barrio de Invernés onde se criou. M.M.

Aínda que unha parella está a arranxar unha das vivendas, Invernés non ten veciños censados actualmente. O silencio é o principal protagonista do día a día, co permiso dos paxaros, que ás veces aínda se animan a cantar. Lonxe quedan aqueles momentos nos que se escoitaba aos nenos correr, berrar e xogar sen descanso, ao pé do río Eume, o principal divertimento a escasos 50 metros das casas.

"Era a praia que tiñamos", di cun sorriso Benigno, mentres recorda como nos longos días de verán ían todos xuntos a bañarse e pasar as tardes a carón desas augas que tamén eran e seguen sendo punto de encontro para os amantes da pesca

"Hai moi boas troitas", confirma este veciño de Muras, que lembra como daquela o río ía limpiño de maleza, non coma hoxe, que está case sepultado pola vexetación. "Agora non lle podes tocar a nada", reflexiona.

O paso do tempo non perdoa. Aínda que a nostalxia se mestura coa ledicia. "Aquí foi onde me criei, pasamos moitos traballos, pero tamén fun moi feliz", conclúe Benigno, ao que lle gustaría que Invernés recuperase ese esplendor pasado. Haberá alguén que se anime a darlle vida?

INVERNÉS BENIGNO GÓMEZ (6)
Ponte sobre o río Eume, lugar de recreo dos pequenos de Invernés. M.M.