Intercambio de sabedoría gandeira

Seis explotacións de Terra Chá, Meira e As Pontes acolleron durante tres semanas a outros tantos mozos nunha iniciativa promovida polo Centro de Promocional Rural Efa Fonteboa.

Un dos mozos franceses do intercambio
photo_camera Un dos mozos franceses do intercambio. MARTA MANCEBO

Durante tres semanas, media ducia de explotacións gandeiras de Terra Chá, Meira e As Pontes convertéronse nun pozo de sabedoría, onde os seus propietarios mostraron a súa forma de xestión a mozos franceses, mentres que eles tamén lles transmitiron os seus coñecementos na procura dun enriquecemento mutuo.

Esta iniciativa, promovida polo Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa, de Coristanco, foi un éxito, segundo os propios participantes, agradecidos por poder acoller nas súas casas ao futuro da gandaría e da agricultura francesa.

Jorge Filgueiras e Julien Cerceau (Ribadeume, As Pontes)

O gandeiro pontés, que xa tiña experiencia previa, acolleu na súa casa de Roidiz ao mozo galo de 17 anos. El é o relevo xeracional da explotación agrícola do seu pai, que conta cunhas 66 hectáreas de terreo, e que están en plena reconversión á produción ecolóxica.
Julien e Jorge
Rocío Pena, Lucas Yhilien e José Luis Carballo (Miraz, Xermade)

Lucas converteuse nestas semanas nun máis da familia. O mozo francés colaborou con todas as tarefas do día a día, o mesmo que terá que facer o fillo de Rocío e José Luis, Abel, na súa estadía en Francia prevista para finais deste mes de abril.
Rocío, Lucas e José Luis
Pepita Bodenlle, Tom Rousseau e Roberto González (Fraialde, Pol)

Tamén viaxará a Francia Roberto González, de 18 anos, o fillo de Pepita e Roberto, que acolleron na súa explotación polense a Tom, que con 16 anos é o máis novo do intercambio. A idade non foi un problema para que o rapaz cumprise cunha actitude positiva esta experiencia.Pepita, Tom e Roberto
Xabier Paz e Shopie Fourrey (Vilapedre, Vilalba)

A única rapaza do intercambio, Shopie Fourrey de 22 anos, recalou na explotación doutro novo gandeiro, Xabier Paz, que vén de iniciar a súa andaina en solitario en Vilapedre. A pesar das dificultades idiomáticas, os dous mozos entendéronse á perfección no traballo.Xabier e Shopie
Brian Lorigados e Kevin Quartier (Bretoña, A Pastoriza)

Os que tamén tiveron moi boa sintonía foron Brian e Kevin. O mozo pastoricense vivira a mesma experiencia con anterioridade na casa do galo, polo que o intercambio foi de ida e volta. Durante estes días compartiron traballo e inquedanzas.Brian e Kevin
Mariano Samblás, Eric Rychy e Remedios Bello (Bretoña, A Pastoriza)

​A Bretoña tamén chegou o último francés da expedición, Eric Rychy, de 18 anos, quen colaborou no traballo da explotación de Mariano e Remedios. Para eles non era a primeira experiencia, xa que recibiran a outro mozo na etapa na que os seus fillos maiores estudaban en Fonteboa.Mariano, Remedios e Eric

Comentarios