Insua e o liño reforzan o seu eterno idilio

Chema Felpeto, que pregoou esta undécima edición, puxo en valor o traballo de Lourdes Otero e o seu equipo e enxalzou a cultura rural
As Lavandeiras de Sillobre limpando a lá. S.IGLESIA
photo_camera As Lavandeiras de Sillobre limpando a lá. S.IGLESIA

"A Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua conseguiu recuperar unha parte esnaquizada e esquecida da cultura, levando a bandeira de Insua, de Vilalba e da Chaira por Galicia", comezaba con contundencia Chema Felpeto, o pregoeiro de estrea na XI Tasca do Liño, profesor xubilado, activista cultural e albense por riba de todo. Todo o que viría despois en verbas de Felpeto serían loanzas cara unha entidade que "houbo de loitar con ferrados de corazón e fanegas de alma para conseguir manter viva a memoria material e inmaterial dos nosos devanceiros", e cara un oficio tradicional que, de non ser por unhas cantas "mulleres indómitas", caería no esquecemento.

A loita de Lourdes Otero e o seu equipo segue dando os seus froitos once anos despois de "botar os pés ao camiño", como dicía o pregoeiro, e a parroquia vilalbesa de Insua converteuse unha vez máis no epicentro do liño e da cultura que o rodea, coa colaboración do Concello, a Deputación e o Iescha.

Desa atmosfera que inundaba os traballos comunais -cantigas, conversas, música ou contos- falou Chema Felpeto e debullou polo miúdo, non sen emocionarse, a historiadora Miriam Fernández, testemuña directa do labor da súa nai Lourdes e das súas compañeiras de asociación. Fíxoo nunha mesa redonda que compartiu coa alcaldesa, Elba Veleiro, e co responsable do museo etnográfico Monte Caxado das Pontes, José María López Ferro, quen non perdeu a oportunidade de poñer en valor o rural e de exemplificar co caso pontés: "En 1970 Calvo Sotelo bebía do rural; en 1975 chegou Endesa e todo pasou a depender dela e, agora que marcha Endesa, estamos sen rural", lamentaba López Ferro deixando lugar á reflexión.

A xornada contou cunha exposición de fotos,  artesanía e a música de Raiceira, Airiños de Orbazai, Fransy González e Davide Salvado

Despois das necesarias intervencións a prol da recuperación do pasado, comezaban as demostracións con liño e lá a cargo das mulleres de Insua, de Bolboreta Fiandeira, de Lugo; da asociación Cabanas Rural, de Cabanas, e das Lavandeiras de Sillobre, de Fene, que asistían por primeira vez á tasca chairega. As súas integrantes valoraban, ao tempo que limpaban a lá, que "estas xuntanzas son moi produtivas polo intercambio cultural que se produce nelas", falando un pouco en nome de tódolos presentes. 

Ademais do oficio textil, Insua tamén acolleu unha exposición de fotos antigas do Iescha, postos de artesanía e moita música da man do dúo Raiceira, da asociación cultural Airiños de Orbazai e de Davide Salvado e Fransy González.

Para rematar a xornada houbo unhas racións de cacho -leite, pan e azucre- e a queimada, cuxo conxuro foi traballo de Manuel Ferreiro, mentres seguía o eco da petición dirixida ás institucións que Chema Felpeto fixo para pechar o seu pregón: "Facede o posible para que a arela desta asociación se faga realidade máis cedo ca tarde, un museo do liño".

Comentarios