Instrumentos para as voces a través do grupo Asubíos da Chaira

A formación, cunhas 30 persoas, xurdiu hai un ano da man da coral Virxe do Monte
Grupo dos adultos. EP
photo_camera Grupo dos adultos. EP

Hai pouco máis dun ano, a coral Virxe do Monte de Cospeito quería celebrar dun xeito especial o Día das Letras Galegas, polo que convidaron á gaiteira Andrea Méndez, da Ponte de Outeiro (Castro de Rei), a sumarse ao seu concerto. A experiencia gustou moito, tanto que dentro do grupo xurdiu a idea de ir un pouco máis alá e converter o que era unha excepción en algo habitual.

Xurdía así en setembro de 2019 o que se podería chamar a oficialización da proposta, unha aula de música tradicional aberta na que os interesados en aprender se xuntan unha vez á semana. Ensaian os venres á noite -agora están de vacacións, pero volverán no outono- na casa da cultura de Feira do Monte. Nin o estado de alarma puido con eles, pois aínda que se suspenderon os encontros presenciais, recuperados en xuño, mantiveron os ensaios virtuais.

A resposta non puido ser mellor. A iniciativa conta xa cunha tritena de integrantes, unha decena no grupo dos nenos e preto de 20 no dos adultos. Algúns deles son tamén membros da coral, pero outros son veciños que, simplemente, teñen querencia pola música tradicional e viron a súa oportunidade de familiarizarse con ela entre amigos. "Hai xente dende os tres ata os 70 anos", explican dende esta nova e ilusionada formación, bautizada como Asubíos da Chaira, logo da proposta feita por un dun seus integrantes, Rubén, que foi moi ben acollida por todos os seus compañeiros.

Bombo, gaita, pandeireta, tamboril, cunchas e ata o acordeón son os instrumentos que se poden oír nas pezas que interpreta o grupo, en cuxos ensaios non falta, por suposto, outro instrumento fundamental, a voz.

Aínda que xa teñen algunha que outra peza preparada, os integrantes do grupo están a ampliar o seu repertorio, no que non falta un popurrí galego con temas tan coñecidos coma A Carolina ou A Rianxeira, ademais de pezas tradicinais igualmente populares, coma a Rumboia, o Pasodobre de San Roque ou as muiñeiras de San Amaro ou de Freixido.

O debut sobre os escenarios de Asubíos da Chaira chegaba apenas uns meses despois da súa creación, nun concerto de Nadal en Feira do Monte xunto á veterana coral que posibilitaba o nacemento do todo, Virxe do Monte. E como pasa con esta, o grupo tamén conta co apoio da asociación de mulleres rurais Cousas Nosas de Cospeito.

Despois virían a Cabalgata de Reis e a que se cadra foi unha das actuacións máis especiais, a do Entroido, xa que esta foi todo un encontro interxeracional ao que se sumaron tanto os pequenos, os Asubiíños, coma os adultos de Asubíos da Chaira.

Os centros de día de Abadín e de Cospeito ou un par de recitais ao aire libre na Feira do Monte logo do confinamento foron outros dos escenarios nos que a nova formación puido amosar os seus avances. O que lle encantaría seguir facendo alá onde chamen.

Comentarios