Inés López: "Volver a Roca é como un reencontro coa miña infancia"

A escritora, nada na parroquia de Roca, en Guitiriz, vai ser a encargada de dar o pregón da novena edición do Festival de Cine de Música de Roca, xusto no ano no que se homenaxea a seu irmán, Luis López, o que fai que o evento sexa aínda máis especial para ela
Ines Lopez, pregoeira do Festival de Cine de Música de Roca. EP.
photo_camera Ines Lopez, pregoeira do Festival de Cine de Música de Roca. EP.

A escritora Inés López será a encargada de pregoar este venres 25, ás 19.40 horas, o Festival de Música de Cine de Roca, na parroquia onde naceu e pasou toda a súa infancia. O seu libro ‘Yo os daré de qué hablar’ deu a coñecer o seu talento na escrita, algo que lle gustaba xa dende nena, e que lle serviu para inaugurar este evento.

Como lle contan a vostede que vai ser a pregoeira do Festival de Cine de Música de Roca?
Pois entereime por Alfonso Blanco. El decatouse de que eu escribira e publicara un libro e de que era de San Xiao de Roca, e ofreceume dicir unhas palabras.

 Podía intuír que a ían elixir como pregoeira este ano?
O ofrecemento foi algo que me colleu completamente por sorpresa e que non me esperaba para nada, non tiña nin idea diso. Ademais, é algo que me fai moita ilusión e estou encantada con que pensaran en min para algo así, aínda que eu en principio entendín que so ía dar unhas palabras. De que ía ser a pregoeira fun consciente despois, pero eu aceptei, aínda máis sendo tamén unha homenaxe a meu irmán que faleceu e colabora habitualmente co festival.

Pode adiantar un pouco como vai ser o seu pregón?
En primeiro lugar voulle agradecer a Xermolos o seu labor e que contaran conmigo para isto. Despois vou dar unhas palabras na honra de meu irmán, xa que encima é o homenaxeado, e tamén vou a falar do evento e de Roca.

Que significa Roca para vostede?
Eu nacín e vivín a miña infancia en Roca, ata que a morte de meus pais fixo que me mudara a Lugo. Despois estiven fóra traballando, e agora vivo en Lugo. Por iso volver a Roca é algo que me fai recordar moitas cousas da miña familia e da miña infancia. Ademais, é toda de alí, e iso é algo importante para min. Volver é un reencontro coa miña infancia, co meu pasado.

Asistiu vostede algunha vez ao festival, xa sexa como público ou con outra función?
Vai ser a primeira vez, xa que nunca fun, aínda que si que escoitara falar del en varias ocasións e sabía da súa existencia.

Como foi a súa iniciación na escritura? É algo que lle gusta de sempre?
Escribir é algo que me gusta dende que ía ao colexio, a veces escribía poemas, outras textos, era algo que me divertía. Libero moitos sentimentos cando o fago. En canto á escritura do libro, foi durante o confinamento. Eu vivo soa, e un día, falando cunha amiga, animoume a escribir. Escribín o libro a man, xa que non tiña ordenador, vivía nunha situación complexa. Despois paseino a dixital e mandeino á editorial, animada por esta mesma amiga.

E como recibiu a nova de que a súa obra ía ser publicada?
Foi unha alegría enorme, é algo que non me esperaba para nada. Mandeino por probar sorte e acabárono editando e publicando. Ademais, ao non ser coñecida, é algo que vai quedar aí, que vai perdurar no tempo e que van poder ler outras persoas, sexa cando sexa e pasen os anos que pasen.

Ten en mente unha triloxía. Como vai a continuación de ‘Yo os daré de que hablar’?
Ata agora levo pouquiño do segundo libro, xa que estiven moi ocupada, e agora, aínda que algo máis libre, sigo contando con pouco tempo. A ver se me poño e lle dou un empuxón, e despois sigo con el.

Ten máis proxectos en mente que a continuación do seu libro?
Cando rematei o que está publicado, púxenme a escribir outro, de fantasía e ciencia ficción, que xa está acabado, pero que aínda teño que repasalo antes de publicalo.

Comentarios