Impulso económico para o agro

A Xunta ten aberto o prazo de solicitude das axudas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións, que na última convocatoria repartiron 4,96 millóns na zona
Vacas nunha explotación gandeira da Chaira. C. PÉREZ
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira da Chaira. C. PÉREZ

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado 9 de febreiro a nova convocatoria da Consellería do Medio Rural de tres liñas de axudas, dotadas cun orzamento global de 37,5 millóns de euros, para a incorporación da mocidade á agricultura (15 millóns), para plans de mellora (20 millóns) e para o desenvolvemento de pequenas explotacións (2,5 millóns). Dende a Xunta especifican ademais que por primeira vez se reserva un 10% destes fondos para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou dun polígono agroforestal.

Medio Rural incide tamén en que estas axudas se cofinancian co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e que con elas se busca "garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización". Apuntan ademais que se procura acadar "o rexuvenecemento da poboación activa agraria", así como fomentar o emprego neste sector, "con especial consideración cara ás mulleres".

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende a publicación destas axudas, que na súa última convocatoria, correspondente ao ano 2020, repartiron nas comarcas de Terra Chá e Meira e nas Pontes un total de 4.960.143,27 euros entre 135 concorrentes ás tres liñas.

Así, os plans de mellora supuxeron o maior desembolso (3.586.143,27 euros), no maior número de proxectos (86), dos que a maioría se levaron a cabo na Pastoriza (19, con 788.694 euros), en Guitiriz (18, con 859.160,15 euros) e en Castro de Rei (13, con 844.818,83 euros); seguidos de Cospeito (8), Pol, Meira e Vilalba (5), Xermade e Begonte (4), Abadín e As Pontes (2) e Muras (1).

No tocante á incorporación de mozos, A Pastoriza (267.500 euros), neste caso xunto a Vilalba (187.500 euros), volve liderar a lista, con sete novas persoas gandeiras en cada un deles. En Castro de Rei houbo cinco en 2020 (207.500 euros); dúas en Cospeito, Guitiriz e Xermade; e unha en Abadín, Begonte, Muras, Meira, Pol e Ribeira de Piquín. Entre estas 31 incorporacións, Medio Rural repartiu un total de 1.104.000 euros.

No marco da liña de creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións concedéronse 18 subvencións de 15.000 euros cada unha delas, para sumar un total de 270.000 euros outorgados. Abadín e Vilalba, con catro axudas, foron os municipios chairegos onde tivo maior aceptación esta convocatoria, da que tamén se beneficiaron dúas explotacións de Cospeito e outras tantas de Muras, así coma unha de Begonte, de Castro de Rei, de Guitiriz, da Pastoriza, de Meira e das Pontes.

Comentarios