ESPECIAL A CHAIRA

Impulsar o deporte cun campo renovado en Castro de Ribeiras de Lea

O Concello de Castro de Rei acometeu a terceira fase das obras para dotar de herba artificial todo o terreo de xogo de Castro de Ribeiras de Lea
Imaxe do campo de fútbol renovado de Castro de Ribeiras de Lea
photo_camera Imaxe do campo de fútbol renovado de Castro de Ribeiras de Lea

O campo de adestramento de Castro de Ribeiras de Lea loce xa un aspecto totalmente renovado. Este ano executouse a terceira fase das obras que permitiron dotar de herba artificial todo o terreo de xogo, que ata o de agora era de terra, e xa quedou perfectamente apto para ser empregado.

O Concello demostra así a súa aposta polo deporte cunhas actuacións que tiveron un orzamento total de 131.000 euros —financiadas nun 70% pola Secretaría Xeral para o Deporte e nun 30% polas arcas municipais— e foron executadas pola empresa Calfensa.

"Trátase dunha obra moi necesaria xa que o CD Castro conta con seis equipos que precisaban dun campo de adestramento próximo ás instalacións do club", indicou o rexedor local, Francisco Balado. "Ata que se remataron de executar estas actuacións os deportistas da localidade tiñan que adestrar no campo principal, que sufría un importante deterioro, ou desprazábanse aos terreos do antigo campo de fútbol, próximo á estrada LU-113, que tampouco reunía as condicións óptimas para practicar este deporte", engadiu.

Balado puxo en valor unha obra que dará máis facilidades aos deportistas locais e servirá para seguir fomentando o deporte no municipio. "Era fundamental arranxar este campo porque nalgunha ocasión os nosos deportistas tiveron que desprazarse ata Cospeito para poder adestrar, Agora, con esta nova prestación, os xogadores poderán usar as instalacións do noso municipio, que locen totalmente renovadas", destacou o alcalde. O dirixente local explicou que este proxecto se completou con outras obras executadas en fases anteriores nas que, entre outras actuacións, se instalaron catro torres de iluminación no campo que, ademais de mellorar a visibilidade, "permitirán aforrar, porque todos os focos que se colocaron son Led", recalcou o alcalde. O custo total de renovación do campo ascendeu a máis de 400.000 euros. O rexedor avanzou ademais que o próximo ano tratará de buscar financiamento para executar outras obras menores no contorno co fin de acondicionalo por completo.

MELLORA DOS SERVIZOS. O Goberno local executou ao longo deste ano numerosas actuacións de mellora dos servizos nas parroquias. Unha das últimas obras levadas a cabo foi o arranxo integral dos accesos a Ludrio, dende a estrada N-640 ata a LU-760.

Por outra banda a Xunta declarou tamén en marzo a primeira Área de Rehabilitación Integral (Ari) do municipio, cunha superficie que abrangue 13 hectáreas. A área inclúe 88 inmobles, dos que máis de 50 son susceptibles dalgún tipo de rehabilitación, polo que os propietarios poderán acceder a axudas de ata 2.400 euros por vivenda.

Comentarios