Se eu fose alcaldesa...

"É imprescindible favorecer o asentamento de empresas para que Vilalba medre"

Sandra Vázquez Domínguez. EP
photo_camera Sandra Vázquez Domínguez. EP
Sandra Vázquez Domínguez
Candidata do PP en Vilalba
Idade: 36 anos
Lugar de nacemento: A Torre (Vilalba)
Primeiro ano como candidata: 2023
Afecións: Cociñar, escoitar música relaxante e pasar tempo coa familia


Sandra Vázquez Domínguez é concelleira no Concello de Vilalba dende o ano 2015 e formou parte do equipo de goberno ata o ano 2019. Licenciada en Administración e Dirección de Empresas e máster en Banca e Finanzas, traballou na banca e no comercio vilalbés. Foi senadora e actualmente é deputada no Parlamento de Galicia dende o ano 2016. É a voceira do Grupo Municipal Popular e foi elixida presidenta do PP de Vilalba no congreso de marzo do 2022.

Vilalba é un municipio con potencial, con recursos, cunha boa situación e ben comunicado. Capital da comarca da Terra Chá e situado no Camiño Norte de Santiago, Vilalba é dos concellos máis extensos de Galicia que suma 14.000 veciños e veciñas entre as 29 parroquias do municipio que ten en conta o Partido Popular para o seu proxecto.

Algunhas das súas propostas, que se basean en escoitar e atender as necesidades dos vilalbeses e xestionar a administración local de forma próxima e eficiente, relaciónanse con tres piares fundamentais: promover unha maior actividade económica, servizos de calidade atendendo ás necesidades dos vilalbeses e atención ao rural.

Ampliación do polígono industrial

O Partido Popular aposta por promover unha maior actividade económica en Vilalba que "pasa, indiscutiblemente, pola instalación de novas empresas e a ampliación das xa existentes".

Para iso, subliña Vázquez "é imprescindible aumentar o solo industrial e favorecer o asentamento de empresas e iniciativas emprendedoras de forma que se creen postos de traballo porque o emprego contribúe, ademais, ao asentamento da poboación e á dinamización doutros sectores económicos importantes para a nosa vila, o comercio e a hostalería".

O proxecto do PP en Vilalba céntrase en atraer novas inversións a través da ampliación do solo industrial no polígono industrial Sete Pontes e dunha maior facilidade para o acceso ao mesmo; mellorar as conexións viais, a sinalización, a iluminación e o abastecemento; establecer bonificacións fiscais ao IBI, IAE e ICIO e simplificar as xestións administrativas.

Mellora dos servizos sociais

A prestación de servizos de calidade aos veciños é imprescindible na actualidade. O Partido Popular está fortemente comprometido co benestar e os servizos sociais dirixidos "dende os máis pequenos aos máis maiores".

Con este obxectivo "é preciso deseñar programas acordes ás necesidades dos veciños e veciñas e ás características dun municipio coma o noso", expón Sandra Vázquez.

O PP ten en conta, especialmente, a aqueles vilalbeses ou vilalbesas que se atopan en situación de vulnerabilidade e, polo tanto, propón desenvolver diferentes programas de acollemento para os maiores, reforzar o servizo de axuda no fogar, os de conciliación e atención temperá; así coma desenvolver programas de terapia e rehabilitación para nenos e maiores e recuperar programas educativos en colaboración cos centros de ensino.

"Non podemos esquecer o labor daquelas asociacións e entidades que traballan a diario a prol de Vilalba e os vilalbeses e que, polo tanto, merecen o noso recoñecemento", explica.

Apoio aos colectivos e atención aos cidadáns

Nesa liña, "o Partido Popular ofrece maior colaboración, diálogo e cooperación coas distintas asociacións que forman parte do noso municipio tanto do ámbito deportivo, cultural, veciñal, social coma empresarial e comercial apoiando as súas actividades e constribuíndo a manter o noso patrimonio. Todos xuntos construímos Vilalba", subliña a popular. "A cidadanía debe recibir atención no Concello e obter unha resposta áxil ás súas xestións". Para iso, "propoñemos retomar a aprobación da Relación de Postos de Traballo para incorporar persoal municipal acorde ás necesidades do noso Concello".

Mantemento e mellora das instalacións municipais

A candidata á alcaldía aposta por manter nas mellores condicións posibles "as instalacións municipais nas que se ofrecen diversos servizos aos veciños: culturais, deportivos, educativos ou sociais".

A mobilidade tamén condiciona a calidade de vida dos vilalbeses e a actividade comercial. Polo tanto, "o Partido Popular aposta por remodelar o proxecto da rúa da Pravia para que, unha vez renovadas as tubaxes, a vía volva ser de dobre sentido para facilitar a circulación dos vehículos no casco urbano". Por suposto, o Partido Popular cre que o Concello precisa orzamentos anuais para desenvolver a súa actividade e que debe actualizar a situación dos contratos de servizos coma o da recollida do lixo e limpeza viaria.

Mellora das vías municipais e servizos para o rural

O rural constitúe a maior parte do territorio do municipio e o PP vilalbés aposta por atender as súas necesidades, como demanda o Grupo Municipal Popular ao longo deste mandato. "É imprescindible manter en bo estado as vías municipais para favorecer a circulación dos vilalbeses", di a candidata á alcaldía. Así, o Partido Popular aposta por poñer un marcha un plan de arranxo, reparación e rexeneración dos víarios, así coma a mellora da sinalización dos núcleos rurais.

Tamén defende a popular o desenvolvemento de programas e talleres de dinamización co fin de mellorar as relacións sociais; a elaboración dun estudo técnico para asegurar a conexión a Internet de banda ancha e a elaboración dun estudo para o abastecemento de auga nas diferentes parroquias do municipio.

Vilalba para os vilabeses
Oportunidades laborais e servizos de calidade
O Partido Popular ten claro que Vilalba non se entende sen os vilalbeses. E un goberno municipal non se pode entender tampouco sen ter en conta aos seus veciños e veciñas. O PP basea o seu proxecto na escoita e toma en consideración das opinións e necesidades dos vilalbeses e vilalbesas: non se poden tomar decisións sen consensuar cos colectivos aos que lles afectan.

O PP é a alternativa de cara ás eleccións de maio para ofrecer aos vilalbeses un goberno estable con capacidade de xestión; pero, sobre todo, con vontade política para escoitar aos veciños, asociacións e entidades co obxectivo de construír unha Vilalba da que nos sintamos orgullosos, na que poidamos traballar e desenvolver a vida con servizos de calidade.