"Imos por outras cen"

A ritmo de muiñeira, xota, pasodobre ou alalá, nunha aposta do colectivo de gaiteiros, as foliadas do Lar das Pontes celebran o seu centenario 

Foliadas no Lar das Pontes. CRISTINA ARIAS
photo_camera Foliadas no Lar das Pontes. CRISTINA ARIAS

Cada último venres de mes o Lar das Pontes —un dos locais históricos da vila, inaugurado en 1963 dentro do proxecto da empresa nacional Calvo Sotelo para o Poboado das Veigas— convértese nunha gran festa de gaitas, pandeiretas e bailes. É un lugar de culto e celebración para a música tradicional a través das foliadas, que están este mes de aniversario.

"Se chegamos ás 100, imos ver se aguantamos outras cen". Fala Xosé Manuel Lamas, alma e espírito dun clásico que non perde folgos, nin ritmo, pese a que o que foi novidade cando empezaron é hoxe habitual en moitos lugares.  "Fomos bastante pioneiros. No sur de Galicia mantiñan o serán, pero por aquí non había case nada polo estilo", di Lamas, que bota a vista atrás e recorda as primeiras xuntanzas, das que naceron as foliadas. "No ano 2004 organizamos a primeira repichoca (fixeron oito), funcionaba ben e démonos conta de que algo anual non era suficiente e apostamos por  organizar algo mensual inspirándonos no que se facía no bar de Fredi, en Espasante", explica.

Foliadas no Lar das Pontes. CRISTINA ARIAS

A primeira foliada naceu o venres 31 de marzo de 2006 e cumprirá o día 23 (adiántase para non coincidir coa Sema na Santa) cen edicións. "Hai unhas mellores que outras, dependendo do mes, pero sempre fomos a máis", di Lamas, que aproveita para agradecer e valorar á xente que fixo posible este centenario. "Aos que veñen cantar, tocar, bailar ou ao público, á xente que simplemente vén pasalo ben", di. E é que se por algo destacan tamén as foliadas é polo seu carácter altruísta e por ser exemplo de que sen axudas institucionais, pero si con traballo e implicación, se poden facer moitas cousas. 

"É todo por amor á arte. Ninguén cobra por tocar, só reciben uns pinchos de tortilla", destacan os organizadores, que sinalan que o que atravesa a porta do Lar faino "para pasalo ben" e que o que pode levar de volta son algunhas maniotas e, sobre todo, tempo gozado.

O centenario celebrarase o venres 23. O grupo pontés Canavella é o encargado de organizar e tocará xunto a Nova Troula (Sada), Os Carecos (Ortegal) e María (Neda)

A organización funciona coma un reloxo. Cada mes, de outubro a xuño (en verán hai descanso), deseña a festa un dos grupos de música do colectivo de gaiteiros: No Cómbaro, Os Trevillas, Canavella, Alfaia, Os Feroces da Galgueira, Axóuxere ou a Escola de Música Municipal (tamén estiveron Os Tafornelos, Os Suplentes, Cantareiras de Alende ou O Garabato dos Trasnos). Sempre de forma rotativa, para que a cada grupo lle toque un mes diferente cada ano, excepto á escola, que organiza a final de curso para ter tódolos integrantes a punto.

O esquema tamén é sempre o mesmo, non por iso tódalas noites son iguais: varios concertos sobre o escenario e foliada libre para que "cada  quen toque o que queira e con quen queira". ¿Ata cando? A resposta convértese en sorriso.   Nestes doce anos, pasaron polo escenario máis de 120 agrupacións de toda Galicia, Ponferrada ou Asturias, e bailaron, sobre esas baldosas de cores que todo o que pisou un día o Lar recoñece nun vistazo, centos de persoas, en sincronización milimétrica, formando unha roda ou a estilo libre ao ritmo dunha muiñeira ou unha xota.

"Nunca pensei en chegar aquí, pero o éxito das cen é porque a xente colaborou antes. Ten que haber 99 primeiro, e o mérito é de cada unha das anteriores, unha a unha, que son igual de importantes", di Benito Rivas. El está nas foliadas dende os inicios e o seu grupo, Canavella, será o encargado de celebrar a centenaria. "Leva a medalla, pero é unha foliada máis", di, mentres adianta o cartel que compartirá o seu grupo o venres 23 con Nova Troula (Sada), Os Carecos (Ortegal) e María (Neda). "Hai que agradecer moito. As foliadas son unha forma de ter a música tradicional presente no pobo. Fomos dos primeiros en facelas e viña todo o mundo para aquí. A xente agora acóplase ás de máis preto, normal, pero temos un público moi fiel que vén sempre, é a forma de que sigan adiante", di Rivas, que destaca o papel dos bailadores. 

"Temos a sorte de que vén xente de fóra, aquí hai escola de baile, pero custa que se animen, e son a alma de toda foliada", di. ¿E para tocar? "A algúns pésanlles os instrumentos máis, pero a tocar sempre se vai animando a xente", di entre risas, mentres fala de "compañeirismo" e dun "ambiente moi sano". "O da gaita é un colectivo que se entende moi ben", asegura, e brinda por outras 100.

Foliadas no Lar das Pontes. CRISTINA ARIAS

Unha santa a quen adorar
Foliadas no Lar das Pontes. CRISTINA ARIAS   En xuño do ano 2013 os gaiteiros celebraron a primeira Santa Palleta como broche de ouro ás foliadas e para rendir homenaxe a esa pequena peza, case máxica, responsable de producir o son ao vibrar co aire. Xa se organizaron cinco edicións, con procesións incluídas; himno propio, pasabares, concertos e  obradoiros de música e baile

Comentarios