Unha imaxe para unha nova vida

No ano 1971, o escultor Víctor Corral tallou unha imaxe da Virxe do Rosario, patroa de Baamonde, no interior do castiñeiro do adro da igrexa para evitar a súa tala ao ampliar a N-VI
undefined
photo_camera Unha imaxe actual do artista na capeliña do tronco. C.PÉREZ

O recoñecido artista Víctor Corral ten algo así coma un mantra que tamén lle serve para definirse. É protector das plantas, dos animais e das persoas. Humanidade e espiritualidade danse a man en toda a súa obra. E abofé que son moitas as pezas súas que poderían considerarse célebres, pero se hai unha inmortal, que fala por si soa da súa maneira de entender a arte, e o mundo, esa é a capeliña da Virxe do Rosario, tallada en 1971 no toro do coñecido como Castiñeiro da Capela ou Castiñeiro Milenario de Baamonde.

"A natureza é unha obra de arte", di sempre Víctor. Pero moitas veces, isto non é dabondo para protexela. Precísase da intervención humana, e quizais tamén da divina. E ás dúas recorreu Víctor fai 50 anos. Nada máis saber que a ampliación da Nacional VI implicaba a tala do vello castiñeiro que se ergue dende tempos inmemoriais ao pé da igrexa medieval de Baamonde -sábese que supera os 500 anos, hai quen lle calcula 700 e o alcume de milenario fala por si só-, alá foi el, nunha sorte de reivindicación artística e pacífica que tiña como obxectivo que os demais visen como único e insubstituíble algo que para el xa o era.

"A creatividade é unha luz, unha inspiración", asegura Víctor, que non recorda pensar no que ía facer. Só actuou. E así xurdía o que hoxe é un punto de peregrinación, igual que a súa Casa Museo, esa que erguía coas súas propias mans tamén a comezos dos 70.

O que podería ter sido a despedida dunha árbore senlleira, acabou por converterse nun multitudinario acto de inauguración que espertou o interese de numerosos medios

Tallou, na vetusta madeira, unha Virxe do Rosario. Botou "un mes" baleirando o interior do toro ata darlle forma a unha pequena capeliña. E aínda que houbo quen pensou que o que facía só podía levar a que secase, o certo é que se podería dicir que reviviu. "Salveille a vida", di. E o castiñeiro, que non só el, senón seus avós, acordaban "sempre igual", dálle a razón: segue a medrar ben vizoso.

Naquel 1971 en Baamonde, o que podería ter sido a despedida dunha árbore senlleira, acabou por converterse nun multitudinario acto de inauguración que espertou o interese de numerosos medios, como lembra Víctor, que en todo este tempo nunca deixou de preocuparse por esa árbore sempre asociada aos seus recordos de infancia, como ir apañar castañas ou xogar ás agachadas subíndose a ela.

undefined

Podouno -"subinme aí arriba e cortei as pólas, empezou a brotar e aí o tes"-, foi sumando anécdotas "preciosas" -"hai unha foto dos Tamara, todos metidos dentro"- e tamén engandindo pequenos detalles. Fixo un anxiño sobre a porta da capeliña, "pero roubárono". Hai un retratiño de Santiago Apóstolo e outro da faciana dun peregrino, pois o Camiño Norte pasa xusto a carón do adro da igrexa. E o bo observador atopará unha man que se ergue cara ao ceo, unha vez máis unindo espiritualidade, humanidade e natureza nunha soa peza. É a esencia de Víctor, da súa obra, do Castiñeiro Milenario de Baamonde.

O Cercud mellorará o entorno
A Xunta concedeulle ao Cercud de Baamonde unha subvención de 3.650 euros, ao abeiro das axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, para acondicionar o contorno do castiñeiro.

Actuación
Colocacarase un valado de madeira nun radio de catro metros con respecto ao castiñeiro, que se podará. Ademais, Víctor quere arranxar a porta da capeliña, que non cerra polo que medrou a árbore.

13 metros
É o que ten de alto, e once de diámetro de copa.

Comentarios