Diego Pena, ilustracións para os seus

Este mozo guitiricense traballa como ilustrador e debuxante nunha axencia de publicidade, pero tamén foi o encargado de crear o cartel do Festival de Cine de Roca deste ano

Diego Pena. EP
photo_camera Diego Pena. EP

As raíces dun chairego coa súa terra son fondas, aínda que se viva lonxe dela. É o caso de Diego Pena, un mozo guitiricense que sempre que pode colabora cos seus mentres reside en Madrid, onde exerce a súa profesión de ilustrador e deseñador gráfico nunha axencia de publicidade e "por conta propia", como el di.

Estudou Ilustración, Deseño Gráfico e un máster de Motion Graphics en Matosinhos (Portugal). E tanto estudo vén cunha certa devoción pola arte gráfica dende pequeno, o que culminou en que «cando acabei o instituto, o profesor de debuxo suxeriume que podía formarme nesta rama», recorda Diego.

Pena asegura que "sempre é un pracer traballar cos do pobo" e por iso tamén se encarga da carátula do disco do rapeiro Japo

Todo ese curriculum derivou en que este ano pensaran nel para a creación do cartel do Festival de Cine de Roca. E non é a primeira vez. "Tamén o fixen en 2016 e é algo que se acepta con moito gusto porque o organiza Xermolos, cos que me levo moi ben, e sempre é un pracer traballar cos do pobo", comenta Diego, encargado tamén da imaxe da XXXV edición do Festival de Pardiñas e da carátula do novo disco de Japo, rapeiro de Guitiriz, que axiña sacará á venda o seu álbum.

E a inspiración de onde vén? "Dependo bastante do que vaia representar. Intento mirar cousas que teñan relación co que vou traballar e no caso do Festival de Roca centreime na natureza", relata Pena, e "aínda que sempre busco facer cousas distintas, acabas creando un estilo propio aínda que non queiras, logo de repetir algunhas técnicas xa asumidas".

Ao pouco de chegar a Madrid, recibiu a chamada que lle daba a posibilidade de expoñer as súas ilustracións na Sala Siroco 

Ese estilo gustou dende o comezo na capital. Pouco despois de chegar "recibín unha chamada para expoñer as miñas ilustracións na Sala Siroco", unha experiencia que cataloga de "moi positiva" e que repetiría.

Nun futuro agarda darlle renda solta á súa creatividade, que mostra aos seus seguidores a través da súa conta de Instragram (@d____pena), e pretende facelo "ben en Madrid ou ben en calquera país do estranxeiro", puntualiza o mozo guitiricense.

Este ano, non poderá asistir ao festival de cine chairego —27 e 28 de xullo, en Roca—, pero estará moi presente. Farao a través da creatividade que plasma nos seus traballos, sempre diferentes pero tinguidos do seu toque persoal.
 

Comentarios