O II Premio Agustín Fernández Paz impulsa a igualdade con 3.000 euros

O Iescha, a editorial Xerais e o Concello de Vilalba promoven a convocatoria ► O gañador deste certamen de narrativa infantil e xuvenil verá a súa obra publicada

O Instituto de Estudios Chairegos e o Concello de Vilalba, coa colaboración de Edicións Xerais de Galicia, veñen de convocar a segunda edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, dotado con 3.000 euros en metálico e a publicación da obra gañadora, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares.

O prazo de presentación de traballos ábrese mañá luns, coincidindo co Día do Libro, e pecharase o 12 de xullo, polo segundo cabodano do pasamento do escritor vilalbés homenaxeado.

O xurado, integrado por persoas de recoñecido prestixo cultural e que non se dará a coñecer ata que se peche o prazo de presentación de obras, emitirá o seu ditame en outubro.

As persoas interesadas en participar deben presentar de xeito anónimo -os datos persoais figurarán nun sobre aparte- catro copias da obra, de extensión libre, escrita en lingua galega, dirixida ao público infantil e xuvenil e cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade. As bases pódense consultar nas webs de calquera dos organizadores.

Para anunciar esta segunda convocatoria, que mantén os mesmos termos que a primeira, deseñouse un cartaz anunciador no que se usaron os elementos debuxados en directo pola pintora vilalbesa Isabel Pardo durante o acto de entrega do primeiro premio a María Reimóndez pola novela "Fóra do normal".

A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, adiantou que esta obra se poderá atopar en librerías o vindeiro 6 de xuño e precisou que se presentará en Vilalba, nunha data aínda por determinar.

"O primeiro premio foi realmente extraordinario para nós polo número de obras presentadas e pola súa calidade", lembrou Barreiro, destacando que para os organizadores foi moi importante que a gañadora "tivese relación con Vilalba, onde foi ao instituto e conserva amizades", ademais de destacar o feito de ser unha muller moi comprometida socialmente.

"O noso obxectivo é facer un premio que sexa un referente cultural en Galicia, porque a personalidade de Agustín Fernández Paz merece eso", salientou a presidenta do Iescha en nome das tres entidades organizadoras, unidas na homenaxe a un escritor "a altura dos grandes".

Comentarios