A II Feira de Artesanía de Vilalba duplicará o número de expositores participantes

Unha trintena de artesáns están inscritos nunha cita que organiza o Concello o 5 e o 6 de maio para poñer en valor os antigos oficios

Cheri Grandío e Amador Guerra, na presetanción da feira de Vilalba. CRISTINA ARIAS
photo_camera Cheri Grandío e Amador Guerra, na presetanción da feira de Vilalba. CRISTINA ARIAS

O Concello de Vilalba ultima a organización da II Feira de Artesanía, unha cita que se celebrará os días 5 e 6 de maio na Praza da Constitución e que duplicará o número de expositores participantes este ano tras o éxito acadado na primeira edición.

"Todos os artesáns que viñeron á primeira repiten. Participaron 17 e para esta segunda xa temos inscritos 30 e o número pode ser maior, xa que o prazo para apuntarse aínda estará aberto ata o día 27e hai máis interesados", indicou a concelleira Cheri Grandío na presentación, na que estivo acompañada por outro concelleiro, Amador Guerra.

"O ano pasado a Feira de Artesanía funcionou estupendamente, foi marabillosa e esperamos que siga sendo así. Non é unha feira enfocada á venda de produtos, é máis unha feira de exposición de talleres para poñer en valor os antigos oficios e iso é o que a fai diferente", indicou a concelleira, que destacou a importancia que se lle dá a que os artesáns fagan demostracións en vivo. "Nace da idea de produtos únicos, valórase moito a calidade artística e o traballo e o obxectivo é dinamizar a artesanía tradicional", engadiu.

Nesta segunda edición estarán representadas 25 disciplinas diferentes, entre as que figuran os zoqueiros, os cesteiros, os torneiros, os ferreiros, os canteiros, artesáns do coiro, do liño, da la ou das xoias.

Os artesáns chegarán de toda Galicia, aínda que tamén haberá moitos representantes da zona, e nesta segunda ocasión sumaranse varias novidades. "Este ano sumarase un escultor que fai figuras de madeira cunha motoserra, haberá tamén artesanía de bolillos, un tallador de vidro e un obradoiro de acuñación de moedas antigas", explicou Cheri Grandío, que anunciou que se farán un total de 200 exemplares dunha moeda de coleccionista co escudo dos Andrade como símbolo de Vilalba. A peza comercializarase nun estuche que incluirá unha pequena historia.

Os expositores, todos ubicados na carpa instalada na Praza da Cosntittución, poderán verse ao longo do sábado e do domingo, en horario initerrumpido, de 11.00 a 21.00 horas a primeira xornada e de 10.00 a 20.00 a segunda.

Ás demostracións en vivo de cada un sumaranse varias propostas.

Haberá cada día un espazo para os luthieres. O sábado pola mañá, Xaneco Tubío, de Outeiro de Rei, realizará un obradoiro de construción de zanfonas. Terá algunha exposta a medio facer para que o público poida coñecer o proceso e protagonizará unha charla divulgativa. Pola tarde, Marcos Represas será o encargado dun obradoiro de palletas para instrumentos de vento.

O domingo será o turno de Xermán Arias, de Sarria, que realizará unha exposición de instrumentos de corda e pola tarde o lucense Bruno Villamor será o encargado de mostrar os segredos da gaita.

Durante os dous días, ademais, estará exposta A redención do home, unha obra do artista mindoniense Raimundo Rubal que representa os pasos do vía crucis.

Comentarios