O II Certame de Poesía de Caldaloba busca consolidarse no eido literario

O concurso, organizado polo Concello de Cospeito, a asociación de Pino e Culturalia GZ, repartirá catro premios, un deles dotado con 1.500 euros e a publicación da obra
Presentación do certame. S.IGLESIA
photo_camera Presentación do certame. S.IGLESIA

O Concello de Cospeito e a Asociación Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, convocan o II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, unha "obriga" para consolidarse no eido literario, tal e como manifestan os organizadores, despois do "éxito" da primeira convocatoria, na que se reuniron 52 obras "de tódolos puntos de Galicia".

O alcalde, Armando Castosa; as representantes da agrupación de Pino, Inés Lozano e Ester Braña; ademais do responsable de Culturalia GZ, Martiño Maseda, participaron na presentación celebrada onte no consistorio. Nela avanzaron que as bases se manterán igual que o ano pasado.

O prazo para presentar propostas péchase o 4 de outubro e o ditame do xurado farase público o 29 de novembro

Deste xeito, haberá dúas categorías (ata 18 anos e de 18 en diante) nas que se repartirán catro premios. Na primeira, o gañador levará un lote de libros e unha tablet, mentres que o participante que quede segundo será premiado cun lote de libros e un libro electrónico. Pola súa parte, o vencedor entre os adultos será galardoado con 1.500 euros e o segundo, cun accésit. En ambos casos, as obras serán publicadas.

Para todos os interesados en presentar propostas, o prazo estará aberto ata o 4 de outubro e xa poden participar a través de certamepoesia.concellodecospeito.es. Os requisitos imprescindibles para valorar as obras serán que estean en galego e escritas a ordenador e que sexan orixinais mentres que a temática é totalmente libre.

Na categoría de adultos a extensión mínima será de 300 versos e a máxima, de 600, mentres que na dos menores o número tope de versos é 60.

As obras, de temática libre, deben estar escritas en galega cunha extensión máxima de 600 versos para os adultos e de 60 para os menores de 18 anos

O xurado estará composto por cinco persoas e dictaminará o fallo o día 29 de novembro, coincidindo coa presentación das obras gañadoras no primeiro certame. A entrega de premios está prevista para o 14 de decembro no local social de Pino.

Dende a organización, agardan que a participación desta segunda convocatoria sexa aínda maior, ao tempo que recalcan a importancia desta cita para a promoción dun monumento como é a Torre de Caldaloba, do concello , do rutal e tamén da cultura,que "enriquece ao ser humano", conclúen.

Comentarios