sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Iescha, Xerais e Concello convocan o quinto premio Agustín Fernández Paz

Presentación do V Premio Agustín Fernández Paz. C.PÉREZ
Presentación do V Premio Agustín Fernández Paz. C.PÉREZ
O prazo de presentación de orixinais a este certame de narración infantil e xuvenil pola igualdade, dotado con 3.000 euros e a publicación da obra, estará aberto ata o 12 de xullo 

Os tres pés que suntentan o Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, Instituto de Estudos Chairegos, Concello de Vilalba e editorial Xerais, veñen de convocar a quinta edición do certame, cuxo prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o vindeiro 12 de xullo, data do pasamento do autor homenaxeado.

A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, desculpou a ausencia do director de Xerais, Fran Alonso, no acto de presentación celebrado na casa da cultura e transmitiu da súa parte a visión que dende a editorial teñen dunha convocatoria que apoian dende os inicios, salientando que se trata dun premio "totalmente consolidado", do que destacan tanto o número de orixinais presentados coma a calidade das obras, especialmente das gañadoras, asinadas todas por escritoras de recoñecido prestixio no mundo editorial.

Barreiro aproveitou para explicar que polo momento non foi posible organizar o acto de entrega da cuarta edición, un premio que recaeu en Iria Misa por A cidade do átomo, ao non darse de momento as circunstancias adecuadas para unha cita moi concorrida que adoitaba reunir máis de 300 persoas e sempre conta con actuacións de formacións ou artistas locais.

Xunto á concelleira de cultura de Vilalba, Vanesa Siso, a presidenta do Iescha avanzou que a finais de outubro, coincidindo coa reunión do xurado para elixir ao gañador da quinta edición e se a situación sanitaria o permite, organizarase dita gala, aproveitando ademais que Iria Misa formará parte do xurado como gañadora da edición previa.

Pola súa banda, Vanesa Siso reiterou "o compromiso e o apoio" do Concello a un certame que busca "pór en valor a figura de Agusttín e darlle o recoñecemento que merece" e desexou que nesta quinta convocatoria teña a mesma boa acollida que as anteriores.

O premio, único e indivisible, está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra por parte de Xerais. A el poderán optar persoas de calquera nacionalidade, que deben presentar narracións inéditas, en galego, dirixidas ao público infantil e xuvenil, de extensión libre e vencelladas ao compromiso coa igualdade de xénero, de raza, de nacionalidade...

Os orixinais deben remitirse ao Iescha, á casa da cultura de Vilalba, por cuadriplicado —en papel DIN A4 impreso polas dúas caras—, baixo un lema e cos datos do autor nun sobre independente, indicando que é para participar na quinta edición do premio.

Iescha, Xerais e Concello convocan o quinto premio Agustín...
Comentarios