O Iescha organiza a mostra 'Tal como eramos', con 234 fotos antigas

Setembro será o mes da Cultura Chairega, con presentacións de libros e un concerto

Unha das fotos antigas de 'Tal como eramos'. IESCHA
photo_camera Unha das fotos antigas de 'Tal como eramos'. IESCHA

O Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) inaugurará o vindeiro 24 de agosto, como é costume coincidindo coas festas de San Ramón e Santa María de Vilalba, a novena edición da mostra bienal de fotografías antigas 'Tal como eramos'.

A exposición, que poderá verse no auditorio municipal vilalbés ata finais de setembro, recolle un total de 234 fotografías antigas, que amosan preto dun século da historia local a través de imaxes de paisaxes e recantos, feiras e mercados, festas e romarías, Entroido, eventos culturais ou sociais, excursións, grupos de veciños, ritos e crenzas, deporte, etc.

A inauguración está fixada para as 20.30 horas e, a continuación, o Iescha propón escoitar unha contada da man do lugués Lois Pérez. A partir das 22.00 horas, tamén no auditorio e con entrada de balde, o mestre, escritor e monologuista realizará un 'Inventario da retranca: historias de trasmundo'.

O broche de ouro deste mes cultural do Iescha porao a música do grupo de música tradicional Os d'Abaixo

O día seguinte, o sábado 25 e coincidindo coa primeira xornada da tradicional Xira vilalbesa, o Iescha, en colaboración co colectivo Xotramu de Muimenta, convida a toda aquela persoa interesada a compartir unha tarde de xogos populares, de 17.00 a 19.30 horas, na área recreativa da Magdalena.

O programa de actos previsto pola entidade para as vindeiras datas inclúe tamén a celebración en setembro de diversas actividades. Por unha banda, farase a Ruta Chairega o día 16 de setembro, logo de ter que retrasala das súas datas habituais, en xuño.

O destino elixido é a Experiencia Industrial que propón o Concello das Pontes, cunha ruta guiada que inclúe unha parte empresarial e outra de natureza. O peche será unha comida no restaurante Ares de Roupar, en Xermade e a excursión está aberta a quen queira participar.

Por outra parte, celebraranse varios actos para conmemorar o Día da Cultura Chairega na honra de Manuel María, coincidindo co aniversario do seu pasamento. Así, os tres primeiros venres de setembro haberá presentacións de libros na casa da cultura ás 20.30 horas.

O día 7 a protagonista será a escritora María Reimóndez, coa presentación da obra 'Fóra do normal', coa que gañaba o I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Iescha, o Concello e Xerais.

O día 14 recollerán o testemuño o escritor cospeités Xesús Rábade Paredes e o seu último poemario, 'Memoria do corpo', mentres que a terceira e última presentación correrá a cargo de Beatriz Maceda, que debullará 'Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán'.

O broche de ouro deste mes cultural do Iescha porao a música do grupo de música tradicional Os d'Abaixo, formación á que pertence o músico vilalbés Xosé Ramón Vázquez. O concerto, con entrada libre e gratuíta, está fixado para o día 28 de setembro.

Comentarios