O Iescha lembrará a Manuel María cunha escultura pétrea en Vilalba

O canteiro vilalbés José Gómez de Bernardo encargouse de tallar a peza, que se inaugurará o 4 de setembro no exterior da casa da cultura
undefined
photo_camera José Gómez de Bernardo, tallando a peza de Manuel María. EP

Corría o ano 2017, xusto despois de que se lle dedicase o Día das Letras Galegas a Manuel María, cando o Instituto de Estudos Chairegos pensou que o escritor chairego ben merecía unha escultura en Vilalba. E que mellor lugar para colocala que aquel no que non ceden na teima de que leve o seu nome, a casa da cultura?

O proxecto, por unhas razóns ou outras, entre elas unha pandemia mundial, foise demorando no tempo, pero finalmente xa ten data para converterse en realidade. O 4 de setembro, se as circunstancias o permiten, veciños, familia e amigos están convidados a asistir a inauguración da obra escultórica tallada en granito a tamaño real polo canteiro vilalbés José Gómez de Bernardo, "Pepón".

"Nunha xuntanza da directiva valoramos a posibilidade de facer a escultura para recordar a importancia de Manuel María como cantor de Terra Chá e como namorado de Vilalba e da comarca que era, porque hai que lembrar que tivo a deferencia de tomar o seu asento como académico da RAG en Vilalba", explica a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

Falaron co por aquel entón alcalde, Agustín Baamonde, que lle deu o visto bo ao proxecto, e dicidiron encargarlle a peza a Pepón, un canteiro local que, cando a entidade estreara a súa nova sede na casa da cultura, tivera o detalle de regalarlles o seu logotipo tallado en pedra e que tamén é responsable doutras creacións na zona, coma a Virxe da Guadalupe da capela homónima ou a homenaxe a Cosme Sacido en Lanzós.

"Fíxome moita ilusión que mo propuxeran, porque ademais vai ir fronte á miña casa", recoñece o autor, que inicialmente presentou dous bocetos, un de Manuel María sentado, apoiado no seu bastón, e outro de pé. "A eles e a min gustounos máis sentado", lembra sobre unha creación que agocha algunha sopresa.

Un tempo despois púxose mans a obra, contando mesmo cun amigo que fixo as veces de modelo, para converter unha mole de granito de máis de 5.000 quilos chegada dende unha canteira de Oia nesa "sensacional" peza, como dixo Marisa, que o Iescha quere agasallar ao pobo de Vilalba a través dunha cesión ao Concello.

"Queriamos que a xente fose partícipe, polo que fomos adiando a colocación, pero agora xa nos parece que hai que facelo si ou si", explica Marisa, que lembra que o proceso para chegar ata aquí foi longo e non estivo exento de vicisitudes, entre elas os múltiples trámites, dada a proximidade do emprazamento elixido á Torre dos Andrade ou ao Camiño Norte, ou un cambio de goberno local, que levou ao Iescha a ter que volver a presentar a súa idea, atopándose coa mesma boa receptividade que a vez anterior.

Mais a colocación desta escultura, que se porá na praciña da casa da cultura mirando cara a esta e de costas á Rúa dos Pepes non suple a súa vella teima, compartida por outra moita xente: "Nosoutros seguimos pensando que a casa da cultura ten que levar o seu nome, Vilalba está en débeda con el", asegura Marisa, que quixo lembrar tamén o vínculo que unía a Manuel María co Iescha.

E é que a entidade foi a encargada de publicar o seu último libro, Elexías, que en realidade pódese dicir que foi o primeiro. "Manuel María, sendo moi noviño, enviaralle un borrador cos seus primeiros poemas a Álvaro Cunqueiro e logo de morrer este apareceron, cando xa era unha persoa de sona", recorda Marisa.

"Eses textos entregoullos ao Iescha para que os publicásemos", precisa, destacando a "inmensísima xenerorisade" que tivo Manuel María cunha entidade que agora traballa para retribuirlle aínda que só sexa unha pequeniña parte do que el fixo pola Chaira.

Comentarios