Asociar universidade con xuventude, con estudar moito e moi duro e con sacar un título para logo lanzarse ao mundo laboral é algo moi habitual, xa só con ver a palabra, ou ata sen chegar a facelo. Pero non todo o mundo está de acordo con iso, e en Xermade, en Guitiriz e nas Pontes demóstrase que non ten porque ser así, e que non hai que ter 20 anos para gozar da aprendizase universitaria.
E é que nunca é demasiado tarde para ir a clase, descubrir, viaxar e facer amizades, tanto dentro dunha aula, na que se dan tanto leccións teóricas como prácticas, como no lugar máis recóndito de Galicia, ou mesmo saíndo fóra da comunidade. E si, todo isto tamén se pode facer na universidade.
Na Uned Sénior Terra Chá-Eume, con sedes en Guitiriz e Xermade —entre outros moitos concellos—, e na Universidade Sénior das Pontes, son moitas as persoas que, pasados xa, no primeiro caso, os 55 anos, e no segundo, os 50, se animan a probar novas experiencias e a volver ás aulas, con tres motivacións principais: formarse, gozar e coñecer xente.
Ademais, ámbalas dúas volven á actividade nos primeiros meses do ano, datas moi esperadas polos alumnos, que están "moi contentos cos cursos", que lles achegan "coñecementos e felicidade".

No caso da Uned Sénior Terra Chá-Eume— que chega aos 15 anos de existencia e depende da Uned da Coruña— comezou a principios deste mes o segundo cuadrimestre do seu curso académico, que acaba en xuño. Entre as aulas de Guitiriz e de Momán suman 105 matrículas e os estudantes, tras unha semana de vacacións, retomaron a actividade dun xeito moi ameno, cunha visita á Fundación Neira Vilas na materia de Historia de Galicia e cun festival de Entroido no que se xuntaron todos en Guitiriz.
Así, os alumnos veteranos reencóntranse e os novos únense ao grupo e convértense nun máis. Este é o caso de Luci Roca, natural de Parga, que aos seus 69 anos é unha das persoas que comezou este curso na Uned Sénior.
"É unha experiencia moi boa e aprendes moito, eu estou empezando a manexar un ordenador, cousa que me era impensable hai anos"
"Acordóuseme apuntarme porque é unha forma de saír da casa e de coñecer xente, ademais de que a min me gusta moito a pandeireta", explica ilusionada, á vez que di que vai "a música, a pesar de que nunca antes tocara e aprender ás veces faise algo complexo".
Aínda que lle gusta todo o que fai na Uned Sénior en Guitiriz, Luci destaca, en pleno festival de Entroido, que o mellor é "a troula e as saídas a tocar, a bailar, e a pasalo ben cos compañeiros".
"Xa ían meus pais e facíalles moi ben, e co tempo acabeime anotando eu", conta Marina Gómez, de 65 anos e natural de Momán, que incide en que a súa decisión foi "todo un acerto".
"É unha experiencia moi boa e aprendes moito, eu estou empezando a manexar un ordenador, cousa que me era impensable hai anos, e tamén viaxei por Galicia e España, descubrindo novos sitios", explica, orgullosa de todo o aprendido e vivido.

Na Universidade Sénior das Pontes, dependente da Universidade da Coruña (UDC), a nova edición comeza en marzo. Así, os inscritos farán do auditorio da Casa Dopeso a súa aula, onde recibirán as sesións teóricas, que darán paso ás prácticas. Estas constarán de visitas, obradoiros de exercicio físico e mesmo un taller onde farán a simulación dun xuízo.
A inscrición, que é gratuíta, pódese formalizar ata o día 2 de marzo de xeito online a través do espazo web UDC Sénior As Pontes, ou presencialmente na secretaría de alcaldía do Concello pontés.
Os temas nesta quinta edición serán variados e diferentes aos das anteriores, o que fai que cada unha delas sexa única e que aquelas persoas que queiran poidan repetir se así o desexan.
Unha das alumnas do anterior programa foi Charo Cuba, pontesa de 71 anos que se apuntou "xa na primeira, pero as prazas foron a sorteo e non entrei". Comezou na segunda e chegou ata a cuarta, mais a esta non poderá asistir "porque non me coinciden ben os horarios".
"É a un sitio ao que vas aprender por gusto, é unha maneira de saír da casa e de socializar, moi recomendable", apunta, mentres di que lle gustaría "un programa estable con clases todo o curso".
A tamén pontesa Miri Franco, de 58 anos, participou nas catro edicións —polas que pasaron ao redor de 220 alumnos—, e vaino facer tamén na que comezará en marzo. "Cando me decatei de que iamos ter o privilexio de dispoñer dun recuncho da universidade alegreime moito, son unha persoa curiosa e aberta a novas experiencias de aprendizaxe", expón, á vez que di que foi iso o que a levou a apuntarse, e destaca que "os mestres están moi implicados".
As materias ofertadas pola universidade para maiores en Vilalba, Xermade e As Pontes son variadas e útiles na vida cotiá. A pesar desta similitude, cada aula conta con programas diferenciados, con actividades e temas propios, se ben están todos enfocados cara a un mesmo propósito. Este non é outro que «o envellecemento activo», tal e como expoñen Tania Pardo, responsable de Benestar Social do Concello das Pontes, e Luis Rodríguez Patiño, coordinador da Uned Sénior Terra Chá-Eume.
Guitiriz
Este ano, a Uned Sénior oferta dúas materias en Guitiriz: inglés e música. Esta última conta cunha gran variedade de instrumentos como gaita, pandeireta, acordeón ou bombo, entre outros.
Xermade
Na aula de Momán, en Xermade, impártese tamén música, así coma medicina, informática e historia de Galicia. Nesta os alumnos fan viaxes a distintos puntos de interese da comunidade para coñecer o pasado e a algunhas persoas máis sobranceiras desta.
As Pontes
Na Universidade Sénior das Pontes, os seminarios impartidos correspóndese con tres grandes temáticas, que son arte e humanidades, ciencias xurídicas e sociais e ciencias da saúde. Nelas, algúns dos temas a tratar serán Édouard Manet, a xeobotánica, ou como poñerlle cordura á alimentación e ao exercicio físico.