Iberdrola impulsa unha comunidade solar en Vilalba para 181 veciños

Colocaranse 251 placas fotovoltaicas nunha cuberta e será a segunda instalación que faga a eléctrica en Lugo, trala realizada nun albergue de Sarria 
Unha comunidade solar de Iberdrola. EP
photo_camera Unha comunidade solar de Iberdrola. EP

Iberdrola anuncia a instalación dunha comunidade solar en Vilalba, que lle permitirá a un total de 181 veciños "acceder al autoconsumo y reducir así su factura de la luz sin necesidad de contar con una infraestructura propia ni realizar ningún tipo de inversión".

O sistema contará cun total de 251 placas fotovoltaicas instaladas nun tellado, que xerarán unha enerxía de 127.050 quilovatios por hora anuais. A potencia instalada terá un pico de 116 quilovatios, dos que 25 serán para o titular do inmoble no que se faga a instalación e o resto para aquelas familias que o soliciten. Unha vez operativa, estímase que reducirá en 701 toneladas a emisións de dióxido de carbono en 30 anos.

Así, dende a empresa detallan que a posta en marcha destas iniciativas requiren destes dous actores. Por unha banda, o dono da cuberta, que cede un espazo sen uso para colocar os paneis e xerar a enerxía; e por outro os veciños, "que podrán autoconsumir energía limpia y de cercanía, a través de un modelo de suscripción similar al de cualquier plataforma digital, gracias al excedente energético del dueño de la cubierta sin necesidad de permanencia".

Os únicos requisitos que marca Iberdrola para entrar a formar parte desta comunidade solar son que as persoas interesadas residan nun radio inferior a dous quilómetros de distancia con respecto á cuberta onde se faga a instalación das placas e ter o contrato do subministro eléctrico coa propia compañía.

Outros lugares

O mesmo modelo xa se impulsou hai uns meses en Sarria, onde se colocaron 194 paneis no albergue Alma del Camino, que dan servizo a 134 familias. Iberdrola tamén levou xa a cabo proxectos deste tipo no Porriño, en Moaña e en Boiro.

"Esta modalidad permite a los usuarios compartir la energía 100% renovable generada desde una única instalación", detallan dende Iberdrola, que xunto ao proxecto vilalbés impulsa outro en San Cibrao das Viñas —é o primeiro en Ourense—, onde se colocarán 204 paneis para dar servizo a 162 veciños. "Estas comunidades solares evitarán la emisión de 47 toneladas de CO₂ a la atmósfera al año", din, avanzando que cando as dúas infraestruturas estean operativas a factura da luz dos clientes reducirase en preto dun 40% ao ano.

Comentarios