miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

Iago Pérez Santalla será nomeado Chairego de Honra o día 26 en Vilalba

Iago Pérez, nun acto no San Alberte, en Guitiriz. C.A.
Iago Pérez, nun acto no San Alberte, en Guitiriz. C.A.
Xermolos e a Irmandade Manuel María recoñecen ao educador ocial de Portomarín, "unha mostra palpable de loita pola inclusión"

A asociación cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María nomearán ao educador social Iago Pérez Santalla, natural de Vilaxuste, en Portomarín, como Chairego de Honra nun acto que se celebrará o día 26 na casa da cultura de Vilalba.

"É unha persoa que ten moito mérito, tivo unha parálise cerebral e fíxose doutor, publicou varios libros e é unha mostra no mundo de hoxe de aceptar a diversidade e unha mostra palpable que loita pola inclusión", valorou Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos, que destacou o "esforzo persoal" do homenaxeado por "espallar ideas e promocionar a Terra Chá", tanto a través "do seu agarimo por escritores como Manuel María, como pola nosa paisaxe".

Pérez Santalla, un activo máis nos actos culturais de Xermolos e a Irmandade Manuel María, publicou o seu primeiro libro en 2009, O ilímite de pensarte libre, e en 2011 El ilímite del potencial humano, xunto a Manuel Rivero.

Na súa loita pola inclusión social, ademais de publicar, participa en diversos foros e en obradoiros de desenvolvemento persoal, e dende 2017 é profesor na Escola de Relacións Laborais da Coruña.

O acto que o convertirá no novo Chairego de Honra tras unha longa lista, na que destacan nomes como o fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo, o artista Valdi, o historiador Felipe Arias, o párroco Uxío García Amor ou os músicos Quintas Canella e Miro Casabella, estará presentado por outro Chairego de Honra, o escritor David Otero.

A celebración, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba, está prevista a partir das 12.00 horas na casa da cultura da capital chairega e, ademais do propio homenaxeado, intervirán Alfonso Blanco, Xulio Cuba, Manuel Rivero, Ricardo P. Santalla, Xulio Xiz ou Mero Iglesias.

E ademais de palabras, tamén haberá música cos ritmos da gaita de Raúl Galego, outro dos que foi nomeado Chairego de Honra, concretamente o ano pasado.

Despois do acto en si haberá un xantar de confraternidade no restaurante O Carrizo de Santaballa, en Vilalba. Os interesados xa poden apuntarse a través do número de teléfono 646.41.38.90 e o menú terá un prezo de 20 euros por persoa.

Iago Pérez Santalla será nomeado Chairego de Honra o día 26 en Vilalba
Comentarios