domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Hugo Leivas: "Poñer música na Hermo, na discoteca pola que máis saín, é un soño cumprido"

Hugo Leivas. EVA VEIGA
Hugo Leivas. EVA VEIGA
O meirego Hugo Leivas xa lle poñía son ás noites do pub Tibor e agora continúa co mesmo cometido na discoteca Hermo de Muimenta, un dos locais nocturnos máis emblemáticos da provincia que reabriu as súas portas para recibir as xeracións de sempre e outras máis novas

As noites dos venres volven ter banda sonora propia en Muimenta e iso é grazas á boa man, e ao bo oído, dos DJ residentes da discoteca Hermo. Un deles, o meirego Hugo Leivas, xa é unha cara máis ca familiar para os tiborenses e tiborensas.

Como foi o cambio do pub Tibor á discoteca Hermo?
Plenario Veiga foi quen máis o notou, porque para el a carga de traballo está sendo enorme. No que respecta ao meu traballo, o cambio tamén está sendo importante: de estar ante unhas 400 persoas nas noites máis grandes do Tibor a verse con máis de 2.000 na Hermo como pasou o primeiro día.

Antes de pinchar no Tibor en Meira, xa se adicaba á música?
Comecei interesándome pola música electrónica cuns 14 anos, a raíz duns CD que me prestou un curmán. Fun coñecendo xente cos mesmos gustos e funme metendo máis de cheo no tema e con 17 anos empecei a poñer música en pubs de Muimenta, como o Aqua, o Volverás e o Okúpame.

E agora volve ás orixes...
Si, pero dun xeito diferente. Poñer música na Hermo é un soño cumprido grazas a estar no momento e no lugar axeitado, porque na vida imaxinaría facer isto na discoteca pola que máis saín de festa.

Mirando cara a atrás, que é para vostede o Tibor?
No Tibor estou dende hai seis anos, dende que abriu, e foi o lugar onde volvín collerlle o gustillo á música, xa que a deixara algo de lado polos estudos e o traballo (actualmente exerce na empresa de hosting Raiola Networks).

É difícil compaxinar ambas profesións?
A verdade é que é bastante complicado xestionar o tempo, xa non só as fins de semana senón tamén pola semana, porque estás planificando a sesión do venres e iso require o seu tempo.

"Nótase que a xente tiña moitas ganas das noites dos venres e moitas ganas da Hermo, vemos o público moi animado"

Como prepara unha sesión?
No meu caso, selecciono unha lista de temas extensa que me permita ir improvisando dentro do preparado. Na Hermo repartímonos o tempo entre os DJ para pinchar e iso danos certa vantaxe á hora de dar forma á sesión. Non é o mesmo preparar unha noite nun local, que unha hora e media ou dúas como facemos agora. 

Volvendo á Hermo, cal cre que está sendo a clave do seu éxito?
A clave é Plenario, pola forma que ten de levar a xente, como a trata. Con todo o traballo que dá, conseguiu enchela o día da reapertura.

E como está vendo o público desta nova era da Hermo?
Nestes poucos días só podo dicir cousas boas. Nótase que a xente tiña moitas ganas das noites dos venres e moitas ganas da Hermo, en xeral está moi animada.

Piden algo en concreto?
Iso pasaba no Tibor porque estabamos máis cerca da xente e era máis doado que viñesen pedir algo á cabina. Na Hermo por agora non o estamos notando, así que algo estaremos facendo ben (Ri). Ao ser varios Djs con perfís moi diferentes intentamos abarcar varios estilos e, ademais, temos a sorte de contar co pub Dkada, así que temos para tódolos gustos.

"Para ser un bo DJ hai que saber ler a pista, non pecharse a ningún estilo e saber transmitir alegría e enerxía"

É un sector no que tamén hai competencia?
Claro que a hai e canta máis mellor, porque che fai mellorar. Quizais non sexa todo o sa que debería, pero supoño que tamén ocorrerá noutros sectores. Ao final, se te van valorar polo teu traballo van facelo de igual maneira.

E para facerse un oco?
Hai que traballar moito, ser constante e tamén ter oportunidades. Coñezo algún caso de xente que se quixo facer un oco nisto e acabou desistindo por non ter esa oportunidade para mostrar as súas habilidades. É duro chegar ata arriba. 

Que cre que se necesita para ser un bo DJ?
Eu diría que o principal nun bo DJ é saber ler a pista e non pecharse a ningún estilo de música. Tamén debe saber transmitir alegría e enerxía porque, se os que están abaixo ven que ti o estás pasando ben co teu traballo, eles tamén o van pasar ben.

Como de importante é ter bo material para pinchar?
É importante ter un material axeitado. As novas tecnoloxías foron collendo peso neste mundo e nós temos que aproveitarnos delas para sacar adiante mellor o traballo. Coma en todo, hai equipos máis e menos avanzados e hai que saber manexarse con calquera.

De preto: "Se hai 15 anos alguén nos di que Cadena 100 ía poñer música electrónica, ninguén o crería"
Despois de máis de seis anos, Plenario é máis xefe ou máis amigo?
Plenario é, máis ca un amigo, un irmán. Levo con el dende que comezou e falamos de todo, se hai algo que non nos gusta tamén o dicimos. O certo é que non puiden ter mellor xefe.
Un estilo á hora de pinchar?
O progressive house ou o big room de 2012 e 2013. Aqueles temas de David Guetta, Avicii ou Swedish House Mafia, que fixeron que hoxe podiamos escoitar música electrónica na radio. Se fai 15 anos alguén nos di que Cadena 100 ía poñer música electrónica, ninguén o crería.
E un artista?
Avicii. Se o meu soño era pinchar na Hermo, o seguinte era poñer a súa música.
E para escoitar?
De todo e intento abrirme cada vez máis. Ao final a música é cultura e canta máis variedade, mellor.
Con quen lle gustaría compartir cabina?
Por soñar, gustariame tela compartido con Avicii. Fai uns días tocoume compartila con Sergei Rez, que foi profesor meu en Valladolid. Admíroo moito e o certo é que foi moi especial. Con Gabry Ponte tamén me gustaría porque foi un dos meus primeiros referentes.
Tamén xoga ao fútbol...
Si, na UD Pastoricense, pero iso é máis para pasar un rato cos amigos e desconectar do traballo.

Hugo Leivas: "Poñer música na Hermo, na discoteca pola que máis...
Comentarios