Homenaxe entre melodías

Jaime Vilaboy, fundador e presidente durante máis de tres décadas da Banda Cultural e Recreativa das Pontes, recibirá este sábado un sentido recoñecemento en forma de concerto no Alovi polo seu labor a prol da música
Jaime Vilaboy nun dos ensaios da Banda Cultural e Recreativa das Pontes, no seu novo local no antigo CPI Monte Caxado. M.MANCEBO
photo_camera Jaime Vilaboy nun dos ensaios da Banda Cultural e Recreativa das Pontes, no seu novo local no antigo CPI Monte Caxado. M.MANCEBO

Nunca tocou ningún instrumento, pero iso non foi impedimento para que Jaime Vilaboy estivese ligado case toda a súa vida á música, unha das súas grandes afeccións. O que fora rexedor das Pontes entre os anos 80 e 87, recibirá este sábado 8 un sentido recoñecemento, promovido pola Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes, agrupación que el mesmo fundou e presidiu durante máis de tres décadas.

O seu infatigable labor a prol da música verase recompensado tamén entre melodías, as que se poderán desfrutar nun concerto que a banda, con caras actuais e a colaboración de antigos músicos, ofrecerá a partir das 12.00 horas no auditorio Alovi.

Non faltarán no repertorio nin o himno das Pontes nin tampouco o pasodobre Jaime Vilaboy, que compuxo hai anos José Luis Represas na súa honra, e que volverá soar con máis forza que nunca para tributar a un home de 87 anos que acudiu, case sen fallar, a cada un dos concertos da banda.

"Non teño merecido tanto", di con humildade o protagonista desta homenaxe, que recoñece que sempre traballou "desinteresadamente" porque lle gusta moito a música.

Afírmao mentres inicia unha viaxe no tempo a súa mocidade, cando con 14 ou 15 anos descubriu da man do seu avó "e nunhas festas nas Enchousas", no municipio veciño das Somozas, o que era unha banda de música.

Jaime Vilaboy nun dos ensaios da Banda Cultural e Recreativa das Pontes, no seu novo local no antigo CPI Monte Caxado. EP
Jaime Vilaboy nun dos ensaios da Banda Cultural e Recreativa das Pontes, no seu novo local no antigo CPI Monte Caxado. EP

"Vin chegar a uns homes cunhas gorras brancas e non sabía o que eran", di cun sorriso de orella a orella, mentres recorda que os primeiros músicos daquela banda pontesa que el conseguiu constituir dende cero sendo alcalde tamén portaban ese elemento.

"Xuntamos entre 27 e 28 de toda a comarca, eran bos tempos para as orquestras, pero non había banda. Reunimos a músicos de Ribadeume, Xestoso, Candamil, Ortigueira, Cabreiros...", enumera, mentres lembra que destinou unha partida de "2.700.000 pesetas"para a adquisición de material e instrumentos.

Finalmente viu o seu soño cumprido cando xa deixara o bastón de mando, "pero desfruteino igual", recoñece, repasando pouco a pouco a historia e as metas acadadas, como ver como cada vez aparecían máis rapaces interesados en engrosar as filas da banda, como empezou a dar os seus primeiros pasos o conservatorio e como se constituíu a escola de música da banda que "empezou con dez rapaces e hoxe ten ao redor de 120 alumnos e doce profesores, todos titulados", di orgulloso.

"Son cousas das que me sinto moi satisfeito", engade quen tamén estivo durante moito tempo presente na Federación de Bandas Populares de Galicia, unha institución que lle reportou asesoramento e que permitiu que a agrupación pontesa "fixera algún ano ata dez actuacións por toda Galicia".

Vilalboy constituíu a primeira banda sendo rexedor e lembra que destinou 2.700.000 de pesetas para adquirir instrumentos

"Fomos a Vigo, Padrón, tamén actuamos en Silleda, en Chantada...", enumera Vilaboy, quen se sente especialmente orgulloso de ter levado á banda a actuar a varias parroquias das Pontes como A Faeira, O Deveso, O Freixo, Goente ou Ribadeume, e mesmo fóra de Galicia, como as viaxes que fixeron a Portugal ou a Benavente, esta última no 2019, ano no que decidiu deixar a presidencia da agrupación despois de máis de tres décadas.

"Foron anos moi especiais, teño un gran recordo, sempre se portaron moi ben comigo", di o homenaxeado, que non se quere esquecer de ninguén e desexa agradecer "a todos os organismos públicos que dalgún xeito colaboraron con nós durante estes anos".

Agora, un pouco máis apartado, pero sempre fiel na butaca, afirma sentirse "feliz"por ver como a banda e a escola continúan crecendo sen descanso nunha nova instalación. E é que as aulas do antigo CPI Monte Caxado son por segundo curso o escenario no que se imparten as leccións e se promoven os ensaios dunha agrupación que quere seguir sumando sen esquecer a súa orixe.

Por iso a nova directiva –con Noelia Novo como presidenta, José Antonio Ledo de vicepresidente, Andrea Fornos de tesoureira e Armando Maseda de secretario– quixo despedir a Jaime, unha homenaxe que se foi dilatando no tempo por mor da pandemia, pero que seguro fará rebordar de alegría ao seu protagonista, que non entende a vida sen as melodías.

Comentarios