miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Homenaxe á maternidade

Mónica, Ángelita e Belén, cunha mostra dos produtos de Denais. AMADOR
Mónica, Ángelita e Belén, cunha mostra dos produtos de Denais. AMADOR
O nacemento dos seus fillos Leo e Lúa e a enfermidade da súa nai déronlles o impulso definitivo ás irmás vilalbesas Mónica e Belén Rodríguez para cambiar de rumbo á súa vida e emprender cun proxecto cos bebés e as novas mamás como eixe

As irmás Mónica e Belén Rodríguez Hermida, fillas de nai vilalbesa e pai ourensán, naceron e criaronse en Hospitalet de Llobregat. A primeira estudou Química Ambiental e regresou hai 20 anos á capital chairega, onde traballou sempre de cara ao público. A segunda fixo Educación Social e traballou no Concello de Cornellá como técnica de xuventude ata hai sete anos, cando tamén volveu a Vilalba, xunto ao resto da familia ao xubilarse seus pais.

Os seus camiños separados empezaron a converxer de novo entón, ata chegar ao día de hoxe, no que se lanzaron a emprender cun proxecto conxunto, Denais, centrado, polo de agora, en artigos para bebés e mamás recentes, pero esperan que extensible a todas as mulleres e ao ámbito da crianza e infancia en xeral.

Pero para chegar ata aquí houbo distintas paradas. Unhas boas e outras non tanto. E tres motores que as levaron a dar un xiro nas súas vidas para emprender xuntas, unha idea da que falaron algunha vez pero nunca se propuxeran en serio. Ata que se deron as circunstancias.

Materiais sostibles e con selo de calidade e unha liña moderna e atemporal son a filosofía dun proxecto que saíu á rede en abril

Os primeiros motores son Leo, de tres anos e medio, e Lúa, de case ano e medio, fillos de Mónica e Belén, respectivamente. "Cando quedei embarazada, decidín deixar de traballar para coidar o meu neno. Tiña moi claro que non quería traballar dez ou doce horas fóra, as fins de semana e festivos", di a primeira, que comparte visión coa súa irmá e recoñece que se non fora por Belén, "moito máis botada para adiante ca min", non se lanzaría a emprender.

O embarazo e a chegada do pequeno Leo coincidiu no tempo cun momento moi complicado para a familia: a detección dun cancro á nai de ambas, Angelita do Hermida de Román, do que, a día de hoxe, está recuperada. "Foi un momento moi complicado e veste apurado. Ter que ir de médicos con ela tamén nos fixo pensar en emprender", recordan.

E empezaron a fiar ideas. Ás dúas gústalles o mundo da infancia e buscaban algo vinculado á educación. E o feito de ter unha nai costureira e non saber coser, animounas, durante a pandemia, a ir aprendendo o oficio.

Debido á pandemia víronse obrigadas a lanzar os seus produtos nas redes sociais

"Primeiro pensamos en montar un sitio físico, un negocio enfocado a nais que quixesen dar o peito, portear, practicar unha crianza natural...pero veu a pandemia", relata Mónica. "Como para atreverse a abrir un local!", engade Belén, que vendo as opcións que había de relacionar a costura co mundo infantil pensaron "qué mellor momento que agora para aprender a coser" e vendo que o artesán "empeza a valorarse máis" lanzáronse a crear complementos para bebés e mamás, unha idea que empezaron a materializar en outubro, aínda que a presentación oficial, en Instagram e Facebook, non foi ata abril, tendo unha boa acollida.

"Estamos súper flipadas (risas). Somos conscientes de que ata agora son todo amigos e coñecidos, pero xa empezamos a ter algún encargo de xente que non coñecemos", indica Mónica.

PRODUTOS. Unha das máximas de Denais é que os artigos sexan "o máis sostibles posible", polo que os materais que empregan son rizo de bambú ou algodón 100% co selo GOTS, que "acredita que é algodón orgánico, non só a nivel medioambiental, senón tamén laboral, é o maior certificado que hai", ou, no seu defecto, co Eoko-tex, que indica "que non se usaron químicos nocivos".

"Non queriamos nada tradicional, senón algo máis moderno. Complementos duradeiros, con estampados bonitos pero atemporais. Cousas diferentes, pero de calidade. Temos unha liña para bebés e outra de mamás, de cousas útiles para elas, porque parece que cando nace un bebé desaparecen do mundo (risas)", explican.

O Día da Nai supuxo un gran impulso nas ventas de diversos produtos, especialmente das tote bags

Así, para os máis pequenos elaboran babeiros, bandanas, muselinas, capas de baño, toalliñas de lactancia e bolsas de muda, e non descartan ampliar a cambiadores, portadocumentos e neceseres, que polo de agora fan só por encargo.

Para as mamás, o produto estrela son as chamadas tote bags, que "foron un éxito" nas datas do Día da Nai. "Xa nos preguntaron se facemos neceseres a xogo e estamos pensando en facelos", indican. Ás toalliñas de hixiene facial reutilizables que fan "cos retais que nos sobran, non tiramos nada" probablemente se lles unan discos de lactancia reutilizables.

E, como non podía ser doutra forma, Angelita é parte activa deste proxecto. Ela e Mónica son as que se encargan de coser, mentres que Belén está máis centrada na promoción. "É a que nos está axudando sempre, todo pasa o seu exahustivo control de calidade", din as creadoras de Denais, un nome que naceu de forma sinxela ao querer que a palabra nai estivera presente. "É unha homenaxe á nosa. Se non fose por ela, isto non existiría", din.

Homenaxe á maternidade
Comentarios