Homenaxe a Juan Carlos Vivero no Ceip Lagostelle

"Un gran mestre e unha mellor persoa", destacan os compañeiros de que vén de pechar unha etapa de case catro décadas dedicado á docencia

 

Homenaxe no Ceip Lagostelle de Guitiriz a Juan Carlos Vivero con motivo da súa xubilación. EP
photo_camera Homenaxe no Ceip Lagostelle de Guitiriz a Juan Carlos Vivero con motivo da súa xubilación. EP

"Hoxe remata a súa etapa como docente en activo o noso compañeiro Juan Carlos. Un gran mestre e unha mellor persoa. Ímolo botar moito de menos pero sabemos que vai desfrutar desta máis que merecida xubilación", con estas cariñosas palabras despedíanse este venres os compañeiros do Ceip Lagostelle de Guitiriz de Juan Carlos Vivero, xubilado oficialmente dende o 28 de febreiro, logo de case catro décadas dedicado á docencia.

Juan Carlos, natural da parroquia xermadesa de Lousada, iniciaba o seu labor como mestre precisamente no Ceip de Xermade, no curso 1983-1984 e despois dese primeiro destino pasaría cinco cursos no Vicedo e un máis no Ceip Santo Estevo de Parga antes de chegar por primeira vez ao Lagostelle no curso 1990-1991. Despois de dous anos máis en Sobrado, retornaría definitivamente ao centro educativo guitiricense nun ano célebre por ser o da posta en marcha do Xacobeo, 1993. Ata agora.

Neste tempo impartiu diferentes materias, tanto na antiga EXB coma na actual Primaria, destacando o seu labor como mestre de Música durante 16 anos ou como titor (de quinto neste último curso). "Xubílome cunha gran satisfacción e con tranquilidade", di o protagonista dun acto de homenaxe simbólico, dada a situación sanitaria, pero igualmente emotivo, no que recibiu unha placa e un reloxo, entre outros agasallos.

E despídese asegurando que ninguén é imprescindible e que a bo seguro que a persoa que o suceda traballará con enerxía cun alumnado do que afirma deixar moito aprendido ao longo destes 37 anos e seis meses nas aulas. Pola súa banda, sempre tivo claro que o seu labor, ademais de ensinarlles aos nenos e nenas a materia en cuestión, era "tentar que tivesen ferramentas para o futuro, para ser máis libres, para cambiar a sociedade, porque a educación pode facer iso", di, adaptando para si a máxima de Nelson Mandela de que "a educación é o instrumento (prefire esta palabra a orixinal arma) máis poderoso para cambiar o mundo".

E nunca estivo só neste cometido, porque se algo destaca Juan Carlos é que sempre estivo rodeado de "excelentes compañeiros e profesionais, xente moi colaboradora, entusiasta e implicada na educación".   

A partir deste luns, inicia unha nova etapa vital, pero serán moitos os alumnos que conserven recordos do seu paso polas aulas: unha recomendación literaria, un exame, unha excursión, un exercicio, unha celebración... ao a Conde Olinos dando de beber ao seu cabalo na mañanciña de San Xoán.  

Tarta de xubilación de Juan Carlos Vivero. EP

Comentarios