Ao pé da N-640 ao seu paso por Paraxes, Lito Fernández dálle forma ao Rincón da Memoria, un museo "que nunca se acaba" e que loita por manter viva a historia dun barrio que conecta A Pastoriza e Meira.
"Estou empezando, son autodidacta", di un home de 66 anos que tras xubilarse, e despois dunha traxectoria vinculado ao mundo do deporte, decidiu sacar o artista que tiña dentro. "Fago tallas, esculturas... á miña maneira", explica sen pretensións pero con moita ilusión.
Comenzou a crear o seu pequeno museo, que engloba arte e etnografía, algo antes da pandemia nunha parcela ao lado da casa. "É un espazo aberto e a paisaxe é moi bonita, vexo a Serra de Meira, A Pastoriza...", di Lito, que incluíu no seu proxecto, de acceso gratuíto, un pequeno miradoiro.
"Como está á beira da pista para moita xente mirar e facer fotos", indica, mentres asegura que a resposta está sendo mellor do esperado. "Houbo moitas visitas. No libro xa firmaron unhas 300 persoas, pero por aquí puideron pasar 900". A última visita de grupo foi dunha ruta promovida pola Oficina de Turismo de Meira.

Entre as opcións que pode atopar o visitante hai varias esculturas e diversas construcións, como un casetiño que alberga máis de cen pezas etnográficas: louza, apeiros de labranza, cousas da casa, máquinas de fiar, dos chourizos...
Hai unha biblioteca, "onde gardo unha mesa e o sillón da escola que tiña meu avó, que foi mestre", e unha pequena palloza, dedicada dentro aos seus pais, con algúns recordos —ela era costureira, el, labrego—.
Nun tronco dunha árbore vella fixo o que el chama a Aula da Natureza, cun acivro que nace dentro. "É a vida no pasado", explica, e fala doutras propostas.
Na Taberna da Aurelia recibe aos visitantes un matrimonio ficticio, hai unha homenaxe ao ciclista local Antonio Vidal Cosme, unha parella de vellos, un crocodilo, un porco de pé ou un tronco de árbore invertido "coa raíces para arriba e unha casiña en cada raíz que pretende ser unha imaxe de Paraxes nos anos 60".

Unha das últimas creacións é Atusmona, "unha vella fisgona que ten un diario e vai contando unha historia cada día", pero na cabeza de Lito xa rondan moitas novas obras.
"A miña intención é facer un hórreo pequeniño que sirva de faladoiro, con fotos antigas e unha mesa dentro para tertuliar. Tamén quero recuperar os topónimos da parroquia e quero crear o Decámetro Literario, con lousas cada dez metros con poesías", di.
"O importante é que a xente non esqueza a historia", resume un home que durante anos foi o promotor da Voz do Pobo, un periódico local que se editou entre 1987 e 1989.