ESPECIAL A CHAIRA

Historia e turismo danse a man para atraer novos visitantes ás Pontes

O Concello impulsou o patrimonio local no ano que se cumpriron 650 do topónimo da vila
Un dos proxectos do As Pontes enPezas, que representa a García Rodríguez. C.ARIAS
photo_camera Un dos proxectos do As Pontes enPezas, que representa a García Rodríguez. C.ARIAS

Nun ano de efemérides destacadas, cumpríronse os 650 anos da orixe do topónimo da vila, dende que o rei Henrique de Trastámara lle concedese As Pontes ao cabaleiro García Rodríguez, e de grandes recoñecementos, coa concesión da bandeira azul ao lago artificial ou a inclusión do municipio na Rede Europea de Patrimonio Industrial ERIH (Eureopean Route of Industrial Heritage), o Concello impulsou varias iniciativas nas que historia e turismo van dan man. 

Nun intento de modernizarse e achegarse ao visitante actual, apostou pola sinalización turística intelixente, coa incorporación das novas tecnoloxías á sinalización municipal e a súa conexión á plataforma dixital Inventrip.

Este novo servizo, incorporado en 14 sinais, ten como obxectivo acoller e acompañar aos visitantes, facilitándolles información contextualizada en función da súa localización, a través dunha aplicación no teléfono móbil ou na tablet. Pero non é o único que poden facer os visitantes e os veciños a través do seu teléfono polas rúas pontesas. 

O Concello tamén lanzou unha aplicación de escape room, unha alternativa de ocio, xogo e diversión baixo o título As Pontes Misteriosa coa que os participantes poden coñecer máis polo miúdo a historia e o patrimonio local.

"É un proxecto novidoso orientado a un público infantil e xuvenil no que se une educación e lecer a través dunha ruta mapeada e guiada mediante pistas e enigmas. Cada participante diríxese a diferentes espazos e puntos claves ao tempo que descubre a nosa historia e patrimonio", explica a concelleira de turismo, Elena López, que indica que o xogo, que nace como unha forma diferente, divertida e orixinal de amosar As Pontes, acaba de estrear novo reto. É gratuíto, sen límite de tempo e iníciase na biblioteca para percorrer diversas localizacións, algunhas das cales tamén foron protagonistas doutra iniciativa turística: o reparto de 60.000 manteis individuais desbotables entre os negocios de hostalaría. 

"O uso deste tipo de mantelería presentábase como unha interesante oportunidade comunicativa para seguir coa liña de promoción que se está a levar a cabo desde o Concello en relación co patrimonio e coa historia de vila polo que o aproveitamos para recordar a efeméride do 650 aniversario da entrega da vila das Pontes a García Rodríguez", indica a responsable dunha área municipal que este ano promoveu rutas turísticas, lanzou o proxecto Lembranzas do Eume, dirixido a recuperar o patrimonio cultural inmaterial das parroquias do municipio, organizou moitas actividades no lago, como o exitoso Festival de Papaventos, ou para poñer en valor os produtos locais, como a micoloxía, os grelos, o queixo ou o mel.

Comentarios