"A historia de Ringo afonda no valor da diferenza como algo positivo"

Como "unha honra inmensa" recibiu o mestre Pablo Nogueira a nova de que Ringo. Memorias dun coello fedello se convertera na obra galardoada no VI Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade
Pablo Nogueira Campo, gañador do Premio Agustín Fernández Paz. EP
photo_camera Pablo Nogueira Campo, gañador do Premio Agustín Fernández Paz. EP

Como acolleu a noticia de ser o gañador do VI Premio Agustín Fernández Paz? 
Estou moi contento, a verdade é que non o agardaba. Para min é unha honra inmensa, porque Agustín Fernández Paz é un referente, se cadra o meu autor preferido de literatura infantil e xuvenil. As súas historias sempre desprenden ese halo de compromiso. Eu son mestre e traballo coa atención á diversidade e tamén trato de facer literatura para a inclusión, para a igualdade, para a diversidade... Lanzar unha mensaxe aos nenos e ás nenas de que a diferenza non ten por que ser algo que separe, senón que pode enriquecer. 

Que supón a nivel persoal conquistar este galardón?
Pois ademais de que é un premio moi importante porque leva o nome dunha figura tan relevante na literatura infantil e xuvenil galega e tamén estatal, porque as súas obras chegaron alén das fronteiras de Galicia, e que ten unha dotación económica e é publicado por unha editorial como Xerais, a nivel persoal fíxome especial ilusión. Aínda que son do Carballiño, teño raíces chairegas, a miña nai naceu en Begonte. É unha terra vinculada a grandes nomes da escrita como Manuel María, Xabier P. Docampo ou o propio Agustín Fernández Paz. Así que recibir un premio convocado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) a nivel emocional e sentimental é fermosísimo. Miña nai está moi contenta (ri).

Que se agocha detrás de Ringo. Memorias dun coello fedello?
É a historia dun coello que aparece de maneira accidental na casa dunha nena despois de que o mago ao que acompaña, e que lle falta un brazo, falla no truco de maxia por un problema de memoria. Esa nena ten unha panda con outro neno que é invidente e cunha nena que é emigrante. Aí empeza a trama, o coello bota de menos ao seu mago e ao circo no que vivía. Hai varios ‘flashback’ dese circo, no que tamén hai diferentes personaxes que teñen as súas peculiaridades. Trata de afondar no valor da diferenza como algo positivo. E tamén busca rachar cos estereotipos, xa que moitas veces os prexuízos acompáñannos xa desde pequenos. Pretendo que na obra, á parte de todos os valores que se transmiten coa narración, tamén se desprenda un contido pedagóxico.

Hai algunha cuestión estilística curiosa neste traballo?
Pois a obra vai entrelazando narradores. O coello fala dende a súa perspectiva de animal en primeira persoa, como ve o mundo desde o seu rol. E tamén hai un narrador en terceira persoa que fala destes amigos, desa cuadrilla de nenos que teñen as súas particularidades e que non son nenos estándar, por dicilo dalgunha maneira. Parecíame interesante mesturar as dúas voces e falar desde a óptica dun animal, é unha técnica narrativa orixinal.

Parecíame interesante mesturar dúas voces e falar desde unha óptica dun animal, é unha técnica narrativa orixinal

E escribiuno en concreto para este premio?
Tiña pensado presentarme xa na convocatoria anterior, pero por tema de prazos non me deu tempo. O club de coleccionistas de selos, que era o título que estaba preparando, ao final envieino máis adiante, cando o rematei, ao certame Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, e resultou ser a obra gañadora. O de Ringo xurdiu a raíz de ver o documental The Beatles: Get Back en Disney+. Ocorréuseme a historia e púxenlle o nome facendo unha analoxía co bigote do batería. Gústame moito a música e normalmente todo o que escribo está relacionado coa diversidade.

A súa faceta literaria chegou coa publicación de varios títulos infantís, hai apenas uns anos.
Si, empecei a escribir pola miña profesión de mestre e, en 2018, publiquei con Baía Edicións o primeiro conto, ‘Nubre Branca quere ser astronauta’. Logo chegaron ‘A banda de Raimunda’, ‘Nube Branca e o pingüín Valentín’ e ‘Nube Branca no Camiño’. Son contos que buscan a estimulación da linguaxe e que ofrecen exercicios a pé de páxina para traballar diferentes cuestións que me interesaban a min como profesor. Para a estimulación da linguaxe, para a comprensión lectora, para a memoria secuencial auditiva... Son contos pensados para que os nenos poidan facer exercicios relacionados coa narración. Dende mover a lingua para practicar os fonemas, exercicios de respiración, de sopro... En resumo, é traballar eses prerrequisitos da linguaxe dun xeito entretido e ameno.

Entre medias tamén publicou dúas novelas para adultos: Banda Sonora Orixinal e Música para os días de inverno. Son sete títulos en cinco anos. De onde saca o tempo?
Escribo moi aos poucos. Non son obras de 500 páxinas. Ao final vou escribindo cando podo. Animoume moito que me publicaran o primeiro conto, serviume de motivación e divírtome bastante escribindo, que é do que se trata. E se podes achegar un graíño de area para facer este tipo de literatura que ao mellor non abunda tanto, pois ao final é unha gratificación que chegue ás mans lectoras e poder gañar premios cun xurado como o do Agustín Fernández Paz, con Fina Casalderrey, Manuel Bragado e Lois Pérez.

Que importancia teñen estes galardóns?
Creo que é moi importante que este tipo de literatura siga recibindo apoios. Nunha sociedade cada vez máis diversa e que ten que seguir traballando a prol da igualdade, que haxa este tipo de premios cunha temática tan específica como esta é unha nova moi positiva. Ogallá se siga mantendo moitos anos e siga participando moita xente. Porque a literatura pode ser unha ferramenta moi importante para axudar a educar, a cambiar mentalidades. En definitiva, e aínda que soe un pouco utópico, ten que axudar a acadar un mundo un pouco máis xusto e máis equitativo.

Comentarios