Historia feita en castiñeiro

Fernando Teijeiro, veciño de Quintela, une as súas tres paixóns nunha. Os cabalos, o ir e vir da Galicia antes dos cristiáns e a escultura son os eixos que guían o seu día a día

Fernando Teijeiro. S.IGLESIA
photo_camera Fernando Teijeiro. S.IGLESIA

Traballar unha madeira tan nobre coma o castiñeiro ata facer que fale só pode ser cousa de mans prodixiosas, coma as de Fernando Teijeiro, da parroquia castrexa de Quintela. "Hai veces que me parece que o día ten poucas horas", di entre risas un home que bota contas para atender as súas grandes paixóns: os cabalos árabes e a escultura e a pintura. Afortunadamente, logrou fusionalas e aderezalas coa historia de Galicia antes da chegada do cristianismo, "sobre todo da época celta".

O seu idilio comezou con dez anos, cando se lanzou a tallar un San Xosé para o belén da escola. E dende daquela, sen descanso. "Non miro o reloxo cando me poño con isto. Tampouco me gusta deixar o traballo a medias, aínda que hai algún ao que lle faltan retoques", explica Fernando orgulloso das súas obras.

Fernando conseguiu un estilo propio ao non deixarse "contaminar" por outros e por pulir ao máximo a madeira

Especialmente polo "estilo propio" que conseguiu conferirlle ao seu traballo despois de non se deixar "contaminar por outros estilos ou artistas" e pulir ao máximo a madeira que talla, comenta un home que fuxe do termo "artesán" e que atopa "bonito" calquera dos procesos da escultura, dende o comezo ata "os pequenos detalles". Así, as trenchas e gubias convértense nunhas ferramentas que só aparta do seu carón para atender os 14 exemplares de cabalo árabe que posúe e que tamén fan de musas, ben en castiñeiro, ou ben con pinturas acrílicas e plásticas.

Así mesmo, os antepasados celtas e as súas historias teñen un lugar privilexiado na súa casa e na súa mente, onde primeiro debuxa o que quere facer "e que moitas veces queda aí, porque non das feito todo o que se che pasa pola cabeza", engade o escultor e pintor a partes iguais.

Nas súas obras quedan retratadas a lenda da fada Navia, as runas ou a igualdade de xéneros para os celtas

O castiñeiro é o elemento común "por ser algo tan noso", e a el engádelle pedra e ferro para darlle forma aos "sentimentos, ao que penso", como a ofrenda aos criadores de cabalos falecidos, "a única que nunca vendería", unha fileira de rosas férreas para non esquecer.

Tamén viven en Quintela a lenda da fada Navia, as runas, a igualdade de xéneros para os celtas... Todo fala por separado, pero máis contan unidas, por iso di que de vender as pezas, mellor que continúen a viaxe xuntas.

Comentarios