miércoles. 27.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.01.2021
El tiempo

A historia que se escapa tras os marcos

Jesús Funcasta e José de Vicente López, chanteiros de Goiriz. EP
Jesús Funcasta e José de Vicente López, chanteiros de Goiriz. EP
José María López recolle no último Cadernos do Museo Etnográfico Monte Caxado os tipos de peches tradicionais das fincas das Pontes ► O obxectivo da publicación é manter vivo un patrimonio material que se está a perder coa modernidade e que non ten cabida nun museo

Nunha Galicia minifundista, chea de fincas de diferentes propietarios, as separacións e delimitacións de cada unha delas -que definen os míticos marcos- forman parte dun patrimonio material e cultural que o paso do tempo e a modernidade están relegando á historia, pero hai quen loita para que non se esquezan.

"Os peches tradicionais das fincas son algo que se está a perder dentro da nosa cultura galega, igual que están a desaparecer os lugares, aldeas, parroquias... ", di José María López Ferro, que adicou o segundo Cadernos do Museo Etnográfico Monte Caxado aos peches tradicionais.

"Os cerramentos tradicionais non son algo que teña cabida, polo xeral, nun museo etnográfico, aínda que están moi relacionados con el, polo traballo e polas ferramentas que se expoñen e que servían para facer os peches, e o que trato é de recuperar todo iso para que quede unha presenza escrita do que foi", explica o autor desta obra, que se adentra nun tema do que non había nada publicado. E pese a que o seu traballo está centrado no concello das Pontes, el mesmo recoñece que se podería extrapolar case a calquera municipio galego.

"Algúns tipos xa desapareceron, outros poden atoparse en moitos sitios, pero agora cada vez hai máis muros prefabricados. Os de antes non se facían ao longo dun día, ao mellor levaban anos dependendo da pedra", apunta o responsable da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado.

Valado de pedra.EP Peche de pancas.EP Peche de arame.EP

 

No seu traballo diferencia cinco tipos de peches tradicionais, a maiores dos mixtos, que mesturan varias tipoloxías: valado de pedra, peches de arame e estacas de madeira, peches con pancas e estacas, de chantas e de sebes.

"Nesta zona abundan moito os de chantas, porque neste chan abunda o xisto, a lousa... e bótase man do que hai", di López Ferro, que indica que estes peches eran feitos polos chanteiros, e destaca nomes da zona como Cabarcos, de Pontoibo, ou Cabaleiro, do fondo da Vila, ou outros máis actuais, como Jesús Funcasta e José de Vicente López, ambos de Goiriz, en Vilalba . "É un peche duradeiro, que podía permanecer inalterable moitos anos", destaca o autor mentres fala dos valados ou muros de pedra seca, "declarados pola Unesco en 2018 Patrimonio da Humanidade en España e noutros sete países" por ser "un exemplo de relación equilibrada entre o ser humano e a natureza".

"É unha mágoa que as institucións non protexan máis este tipo de patrimonio", lamenta López Ferro, que fala da maña con que había que colocar pedra a pedra nestes muros -xa fora lousa, seixo ou cantos rodados- para que fosen "resistentes ao paso do tempo".

Os peches de arame son outro dos clásicos do patrimonio galego, con estacas unidas por fíos, unhas veces con espiño e outras lisos. "Era frecuente poñer estacas de salgueiro porque prendían con facilidade e non podrecían como as de carballo", di López Ferro, que destaca a vantaxe -colocábase moi rápido- e a desvantaxe -o arame resultaba caro, algo perigoso e estragábase co tempo-.

Os peches de pancas e estacas facíanse de madeira e "eran menos abondosos" porque non duraban tanto, precisa o autor desta especie de inventario, que indica que normalmente se escollía o bidueiro ou o eucalipto, e as sebes ou peches naturais están feitos con plantas arbustivas (mirto, buxo, loureiro ou máis actualmente tuias). O traballo inclúe un apartado para o feísmo -e ese somier que fai de porta a algunha finca-, outro de cultura popular, con refráns, adiviñas ou lendas, e unha pequena galería fotográfica, con imaxes antigas do arquivo do museo, que suma unhas 3.000.

A historia que se escapa tras os marcos
Comentarios