Fervenza da Xestosa: hipnóticas augas nun lugar máxico

O salto de auga murés, con 20 metros de altura, está accesible pero oculto á mirada entre un verxel 
Fervenza da Xestosa. XAORDA FOTÓGRAFOS
photo_camera Fervenza da Xestosa. XAORDA FOTÓGRAFOS

Localización

Dende Muras, continuar pola LU-540 en dirección a Viveiro. Unha vez pasado o viaduto,  coller a primeira saída, unha estreita vía que vai á antiga estrada que comunica o interior coa costa e onde se poden deixar os vehículos para seguir a pé polo sendeiro uns 200 metros

Curiosidades

O Rego da Xestosa serve de fronteira entre Muras e Ourol e a propia fervenza sitúase no límite, tanto que ás veces, segundo quen sexa o interlocutor ou a fonte consultada, o salto de auga pertence a un ou a outro municipio. 

Ruta alternativa

Se non se quere volver polo sendeiro, pódese regresar seguindo unha canle de auga sen uso que vai a unha presa de formigón no río Xestosa. Unhas escaleiras empinadas levan de volta á estrada. 

Fervenza da Xestosa (1)
Fervenza da Xestosa. Xaora Fotógrafos

Nas proximidades do Alto da Gañidoira, nace o Rego da Xestosa,  que se dirixe ao norte para formar o Xanceda e entregarse logo ás augas do Landro, formando no seu percorrido un gran salto de auga duns 20 metros, unha "fervenza hipnótica" para a fotógrafa Maider Pumariño, que asegura que ese recuncho ten algo "máxico". 

"Podería pasar horas ollando como cae a auga e bate con forza contra as rochas. É como contemplar o lume dunha lareira en inverno ou ver chover pola fiestra dende o sofá", describe. E a través das súas palabras un pode viaxar a un lugar "no que se detén o tempo". "Desconéctate do estrés e sen darte conta pasas a un estado de paz e tranquilidade. É casa", di. 

Pese a ser da Xestosa, recoñece que descubriu a fervenza "xa de mociña", "no momento que comezaba a ter curiosidade por viaxar e visitar lugares nos que quedar coa boca aberta". E xusto aí, ao lado, atopou un lugar así. 

"Pasmamos ante paisaxes ao outro lado do mundo e temos recunchos espectaculares a menos de cinco minutos da casa. Descubrila espertou en min outra forma de ollar para Muras e as ganas de seguir descubrindo os moitos lugares incribles que esconde", di, e achégase a ela entre recordos. 

Fervenza da Xestosa (3)
Fervenza da Xestosa. XAORA FOTÓGRAFOS

"A situación xa é parte do seu encanto, está accesible pero oculta. Por alí non pasas por casualidade, tes que chegar a pé, e vas escoitándoa mentres te achegas zigzagueando por un camiño no que as árbores se encargan de escondela. É unha sorte porque te obriga a camiñar ata ela, e ese camiño vai estimulando os teus sentidos e preparándote para descubrir e apreciar o que vas atopar ao final", explica. A imaxe, como capta a súa cámara, impresiona.

"Unha fotografía desta fervenza é portada da única Guía de Barrancos de Galicia, sei que houbo quen a descendeu e algo oín de que hai kayakistas que lle teñen ganas", di. Para ela a visita é para desconectar e da igual "que faga calor, frío, chova ou vente, cada época do ano e cada climatoloxía ofrece un espectáculo diferente para os sentidos,pero fermosos todos".

"Podes disfrutala tanto descalza un día de verán tirada na herba, como en pleno inverno abrigada e con chuvasqueiro impresionada polo torrente furioso de auga que move".

Comentarios