Un herbario, de Rosalía de Castro a Agustín Fernández Paz

O IES Basanta Silva inspirouse no traballo feito ao redor da obra da autora para elaborar un rexistro das referencias á vexetación galega que aparecen nos libros do escritor vilalbés 
Alumnas do IES Basanta Silva, traballando no futuro herbario de Agustín. EP
photo_camera Alumnas do IES Basanta Silva, traballando no futuro herbario de Agustín. EP

A Fundación Rosalía de Castro promoveu, coa implicación de varios profesores e investigadores, o proxecto Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía, un libro e unha mostra itinerante que vén de pasar por Vilalba da man do Iescha e que lle serviu de inspiración ao IES Basanta Silva para idear un novo proxecto ao redor do recoñecido escritor e mestre vilalbés que dá nome á biblioteca deste centro, Agustín Fernández Paz.

"Rosalía tiña moita relación con ese mundo e Agustín tamén ten referencias á vexetación característica de Galicia, así que nos propuxemos ler a súa obra entre o profesorado e o alumnado, buscando esas referencias", din dende a biblioteca do centro, detallando que se aproveitou que o alumnado de segundo de Eso estaba a ler O corazón do bosque para facer unha escolma na que tamén se están a repasar obras como Aire negro ou Cartas de inverno.

"Creamos un excel con cada libro e as plantas que aparecen nel e transcribimos tamén os parágrafos onde aparecen", precisan sobre un proxecto no que xa levan contabilizadas 66 especies e no que contan con atopar aínda máis, pois son conscientes de que se trata dunha investigación de longo percorrido. Así, no instituto vilalbés, onde a biblioteca é unha vez máis o centro de operacións dun proxecto trasversal, avanzan que seguirán a traballar na elaboración do herbario o que resta deste curso e poida que mesmo o estendan ao que vén.

E é que o labor a desenvolver ten múltiples apartados, coma o que se fai nos leceres botánicos, unha actividade que se celebra os luns na biblioteca e que se está a aproveitar para traballar ao redor das especies xa inventariadas. Cada semana vanse propoñendo algunhas sobre as que profundar —estes días, por exemplo, foron a cerdeira, a pereira ou a ameixeira—, realizando tarefas ao redor delas para poder ir dándolle forma ao futuro herbario de Agustín.

Traballos do herbario. C.PÉREZ
Traballos do herbario. C.PÉREZ

As variedades escollidas permanecen expostas durante a semana, adxuntándolles o texto ou textos correspondentes da obra na que aparecen ao tempo que se realizan diversos procesos. Fotográfanse e incorpóranse, documentándoas, á libreta do herbario, unha sorte de caderno con textos manuscritos ou as propias plantas.

Púxose en marcha un obradoiro de papel reciclado no que se procesan as flores ou as follas e se secan, e tamén se fan láminas estampadas con cada especie vexetal, grazas á colaboración do profesorado de plástica, implicado neste proxecto xunto ao club de ciencias, o de lectura, o equipo da biblioteca "ou calquera que quiera participar, mesmo as familias".

O obxectivo final da investigación, máis alá de achegarse á obra de Agustín dun xeito diferente, é poder darlle forma a unha exposición que inclúa os fragmentos de cada obra e a especie que se reflicte nestes e tamén contribuír á posta en valor da produción literaria do escritor vilalbés, un referente da literatura infantil e xuvenil que confían en que, en canto sexa posible, a Real Academia Galega lle dedique o 17 de maio.

Comentarios