"Hai un crecemento demográfico sustancial grazas ás novas empresas do polígono"

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, destaca que no seu segundo mandato déronse os primeiros pasos do Civil UAVs Initiative de Rozas, iniciouse a quinta fase de ampliación do parque empresarial e abriuse o primeiro centro de recría público de España. O rexidor cre que as iniciativas axudan a facer fronte ao despoboamento

Francisco Balado. M.R.
photo_camera Francisco Balado. M.R.

DIN QUE NON hai dúas sen tres, e no caso de Francisco Balado, tras lograr dúas maiorías absolutas, non di que non á posibilidade de intentar unha terceira.

Que balance fai deste mandato?

Creo que é positivo porque foi un mandato que se caracterizou por moita inversión para Castro de Rei por parte das administracións públicas. Ademais, en termos de poboación, estamos experimentando un crecemento demográfico sustancial, que non todos os concellos poden dicir. A finais de 2017, rozabamos os 5.000 habitantes e, despois dos seis primeiros meses deste ano, temos uns 5.060. Incluso o número de nenos matriculados nos centros para o vindeiro curso aumentou con respecto aos anteriores.

A que obedece esta situación demográfica que se está dando?

É unha cifra que está crecendo como consecuencia das industrias novas que se están asentando no parque empresarial e por xente que se vén vivir á vila, sobre todo a Castro de Ribeiras de Lea.

Cal considera que foi o proxecto máis importante que se desenvolveu neste mandato?

Creo que, sen dúbida, é o que está acometendo a Xunta en Rozas, porque vai supoñer unha atracción importante de empresas do sector tecnolóxico nos próximos anos. Unha vez que a iniciativa privada se asente alí, vai supor un impulso importantísimo. Despois, solicitados polo Concello e financiados por outras administracións, son importantes as reformas do Ceip Veleiro do Campo e das beirarrúas de Castro de Ribeiras do Lea, un proxecto de abastecemento de auga de Medio Ambiente e a ampliación do parque empresarial, ademais da área de autocaravanas e a caseta do polbo de Castro de Rei. No eido rural, están as concentracións parcelarias de Triabá e Viladonga, en proceso e en trámite, respectivamente. A Deputación puxo en marcha tamén o centro de recría, que esperemos que cumpra as expectativas que teñen.

Empézase a notar no concello o efecto do proxecto Civil UAVs Initiative en Rozas?

A nivel de inversión e de repercusión económica, hai máis movemento. Pero Rozas ten unha fase pública, que é a fase de investigación actual, e unha segunda que é privada, na que as empresas elexidas van traballar aí e iso é o que vai xerar un beneficio importante, unido ás novas empresas que se están asentando no polígono.

En que punto se atopa a quinta ampliación deste?

Pendente de que Xestur presente o proxecto sectorial para poder acometer as obras de urbanización necesarias.

O PXOM tamén tivo un impulso importante nestes anos...

Xa está aprobado provisionalmente e esperemos que en breve o estea definitivamente e poida empezar a desenvolverse.

Que valoración fai da posta en marcha do centro de recría?

É algo que para algúns chega fóra de prazo, porque hoxe os gandeiros recrían nas súas explotacións para aforrar gastos. Desde o punto de vista municipal, nunca puxemos trabas. Non hai que mirar a procedencia dos proxectos, senón a finalidade. Esperemos que se vaia consolidando, senón sería lamentable ter que falar de despilfarro nunhas instalacións que ao final non son útiles.

Nestes anos deixáronnos persoeiros ilustres de Castro de Rei como Xosé Manuel Carballo ou Anxo Lamas.

Anxo Lamas ten pendente unha homenaxe e poñer en valor a súa obra. Desde o Concello estamos abertos a calquera acto de recordo que se propoña. Castro de Rei ten moita riqueza cultural. Aínda que non merezamos un sobresaínte pola forma na que a explotamos, si podemos levar un aprobado alto porque non quedou ninguén sen recoñecemento: Francisco da Fientosa, Manuel Becerra, Carballo ou Xabier P. Docampo.

Algún proxecto que lle quede pendente ou que lle gustaría ver rematado?

O plan xeral. Non sei se vai estar aprobado definitivamente, pero vai andar moi cerca e que se aprobe supón unha gran tranquilidade. Podo asegurar que se o PXOM se aproba e o parque empresarial está rematado, cumprimos co proxecto político e propostas electorais do equipo co que nos presentamos en 2011.

"Non descansaría ata que vira o proxecto político concluído"

Volverá presentarse?

Non hai nada decidido pero é certo que non descansaría ata que vira ese proxecto político que nos marcamos, encabezado polo PXOM e o parque empresarial, concluído. Temos que reunirnos aínda os compañeiros, pero hai máis posibilidades de que si que de que non e está basado niso que comento. O compromiso cos veciños segue vivo e se nos presentamos será para traballar aínda máis.

Hai diferenzas dun primeiro mandato a un segundo?

Moitísimas. O primeiro é a noite, son as tebras. O segundo é unha tarde de sol. Na primeira non había cartos, tivemos poucos recursos económicos e que controlar e restrinxir moito o gasto, como en todas as administracións locais. Neste, as cousas cambiaron moitísimo. Hai máis diñeiro para facer cousas e houbo unha redución da débeda nun millón de euros.

E a nivel persoal?

Tratei de manterme na mesma liña, pero noto que teño máis rodaxe que en 2011.

Nestes anos tamén foi pai. Cambioulle moito a vida?

A vida sempre cambia cando hai nenos por medio, pero cambia para ben. É unha experiencia positiva. Procuro velos e estar con eles todos os días.

Entre a alcaldía, a avogacía e a familia, quédalle tempo libre?

Para ser sincero, non queda. Ser alcalde é moi sacrificado se o asumes con responsabilidade, se queres cumprir, facer unha atención ao público como creo que merecen os veciños e tratar de dar solución aos problemas que se expoñen.

Comentarios