"Había algo de medo coas escolas pero o Goberno pisa sobre seguro"

O pontés Xaquín Pérez-Sindín fala de como Dinamarca trata de volver á normalidade
Xaquín, coa súa familia, en Copenhague. EP
photo_camera Xaquín, coa súa familia, en Copenhague. EP

O sociólogo pontés Xaquín Pérez-Sindín vive en Copenhague dende agosto de 2018. Chegou a Dinamarca por cuestións laborais —investiga na universidade cunha beca Marie Curie os conflitos ambientais en Colombia— e case sen sabelo está no epicentro do que podería ser a base dos seus novos estudos, a pandemia e como afrontan os diferentes países o estado de alarma, porque el vai adiantado.

O país escandinavo é o primeiro dos da Unión Europea que ordeou confinamento en agora trata de volver á normalidade, unha especie de ‘conejillo de indias’ para a investigación. A semana pasada, entre algo de polémica, as garderías e as escolas comenzaron a reabrir de forma escalonada.

“Tivemos un mes de confinamento, e aínda que había moitos paralelismos, foi diferente ao que se impuxo en España. Nunca deixamos de saír á rúa a pasear, aquí incluso aconsellaban camiñar por temas de saúde mental, pero hai que ter en conta que son realidades diferentes”, explica o sociólogo pontés, e fala de localidades con menos densidade de poboación, máis espazos públicos e onde está moi integrado o uso da bicicleta como transporte.

“O martes pasado volveron abrir as escolas. Non abriron todos os centros, hai criterios segundo como son, pero a maioría si”, di Xaquín, que recoñece que “había algo de medo”. “Ao principio eramos algo escépticos, pero confiamos no Goberno, que vai pisando sobre seguro, e estamos expectantes, a ver que pasa e se non se teñen que volver pechar”, di.

“Os que dependen do laboratoio entrarán un pouco antes pero os de investigación non”

Ten dúas fillas en idade escolar, Iria e María, de oito e seis anos. “A pequena quédase na casa ata o 10 de maio e a maior empezou a escola o martes”, indica Xaquín. E explica: “Tomáronse medidas, os grupos deben entrar a horas diferentes e os pais non entran no centro, saen os profesores buscar os nenos”.

A súa filla está nunha clase de oito persoas, adaptada para nenos que chegan do estranxeiro, aínda que no resto das aulas hai uns 25 alumnos. “Van todos e o que intentan é favorecer que pasen o maior tempo posible fóra das aulas, pero iso é algo habitual aquí, e as escolas públicas é algo que intentan facer”, di. Ademais, os nenos de cada clase levan lazos azuis ou vermellos para facer dous grupos. “Fóra da clase poden mesturarse pero dentro cando fan exercicios só poden interactuar cos da súa cor”, explica Xaquín.

El está con teletraballo. A Universidade de Copenhague está pechada ata o 10 de maio. “Os que dependen do laboratoio entrarán un pouco antes pero os de investigación non”, di. Na capital danesa a hostelería permanece pechada pero algúns comercios empezan a abrir as súas portas.

INVESTIGACIÓN. “Haberá que facer estudos nun futuro de todo isto, do coronavirus, de como se desenvolveron os estados de alarma e, no meu campo, en como inflúe a estrutura urbana das propias cidades. Aquí o ciclo de vida está moi relacionado co sitio de onde es, e moita xente maior volve ao rural co que as cidades están moi rexuvenecidas. Ademais os hábitos son diferentes, igual que as distancias sociais. Aquí non hai tanta xente de 30 anos vivindo cos pais”, apunta Xaquín, no que podería ser un fío do que tirar nunha próxima investigación.

“A xente aquí tamén tivo medo, percibíase. O país estaba preocupado por se colapsaba o sistema sanitario. E cortouse dende o principio, pecháronse fronteiras, apostouse polo teletraballo e pecháronse colexios e a curva de contaxios aplanouse”, di Xaquín, que subliña que tanto o ratio de contaxios como a letalidade foron moito máis baixos no país do norte. “Habería uns 7.000 contaxios e unhas 350 mortes”, di, ao tempo que destaca que Dinamarca é dez veces máis pequeño que España e non chega aos seis millóns de habitantes.

Comentarios