martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

Guitiriz reabre en novembro o prazo para presentarse ao quinto Díaz Castro de Poesía

Os orixinais, de non menos de 500 versos e que optan á publicación da obra e a un premio de 2.000 euros, poderán remitirse do 2 ao 19

O Concello de Guitiriz vén de anunciar que retoma a convocatoria do V Premio Díaz Castro de Poesía, que tivera que ser adiada por mor da declaración do estado de alarma. O novo prazo de presentación de orixinais, que respectará os días pendentes que quedaban ao paralizarse o proceso, está fixado do 2 ao 19 de novembro.

O certame literario, xurdido logo da dedicatoria do Día das Letras Galegas de 2014 ao poeta vilarego para preservar o seu legado, está dotado cunha recompensa económica de 2.000 euros, así como a publicación do poemario gañador a cargo da editorial Espiral Maior.

Os traballos participantes deben estar escritos en lingua galega e contar cunha extensión mínima de 500 versos, de forma e temática totalmente libres. A convocatoria está aberta a obras inéditas de calquera autor, se ben non poderán concorrer os premiados nas edicións anteriores.

Os escritores deben remitir catro exemplares do poemario ao Concello de Guitiriz, Rúa do Concello, 4, C.P. 27300, indicando que é para o V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía. As obras deben levar un título e un lema que figure tamén no sobre pechado que conteña os datos do autor.

O ditame do xurado, designado polo Concello e integrado por tres persoas vencelladas á literatura e á crítica literaria galegas, darase a coñecer nun acto público a partir do día 19 de xaneiro. Poderán tamén, se o estiman necesario pola calidade das obras presentadas, conceder algún accésit, que non recibirá dotación económica.

"Nun ano tan complicado coma este, Guitiriz seguirá apostando pola cultura", salientou a alcaldesa guitiricense, Marisol Morandeira, que precisou que a través do mantemento deste certame "o goberno local continúa honrando a memoria do ilustre poeta, á vez que pretende contribuír á promoción da poesía galega".

ESPIRAL MAIOR. Nesa mesma liña de promoción enmárcase a futura publicación do poemario gañador da cuarta edición do certame, A traxedia da arquitectura, de Xosé Luís Mosquera Camba.

O Concello e Espiral Maior falaron a comezos de ano desta, pero tamén quedou posposta polo confinamento. Agora están a retomar as conversas para a edición e presentación pública da obra, igual que se fixo coas súas tres predecesoras: Oracións profanas, de Xurxo Alonso; O filósofo coxo, de Eduard Velasco; e Máscaras de espellos, de Raúl Gómez Pato.

Guitiriz reabre en novembro o prazo para presentarse ao quinto Díaz...
Comentarios