Guitiriz quere viaxar en tren

O Concello de Guitiriz organizou este venres unha viaxe reivindicativa a Lugo en tren, co obxectivo de demandar a permanencia deste servizo na localidade. Máis de 40 persoas secundaron esta iniciativa, que vai moito máis alá dun simple traxecto nun medio de transporte en perigo de extinción

Chegada a Lugo dos viaxeiros de Guitiriz.EP
photo_camera Chegada a Lugo dos viaxeiros de Guitiriz.EP

QUERIDO ADIF:  «Eu son de Guitiriz e hoxe vin a Lugo en tren. Veño coñecer lugares da capital ao tempo que me relaciono con veciños e veciñas. A todos e a todas nos gusta viaxar e queremos ter a posibilidade de facelo en transporte público porque é máis seguro e reduce a contaminación». Así comeza a carta suscrita polas 42 persoas que onte quixeron reivindicar, unidos polo Concello, a continuidade do servizos de tren en Guitiriz cunha viaxe de ida e volta a Lugo usando este transporte.

Coa parada prevista ás 10.29 e un insignificante restraso, os animosos viaxeiros subían a un pequeno convoi procedente da Coruña. Antes tiveron tempo de ver un auténtico cruce de trens, xa que un mercancías, todo un escaparate de arte urbano, ocupaba o segundo andén, á espera da parada do de pasaxeiros para poder continuar pola mesma vía.

Case encheron os vagóns, ofrecendo unha estampa inusual, que se busca reiterar con este tipo de iniciativas que o Concello promove de cando en vez -xa foron a Madrid, a Monforte ou a Ribas de Sil- para lembrar que as dúas estacións do concello existen.

«Pedimos que os trens paren en Guitiriz e Parga para ofrecer este servizo a todos, aínda que só sexa unha parada facultativa, se hai usuarios», continúa o escrito. Porque unha situación alimenta a outra. Non hai usuarios porque se cre que o servizo é escaso -en Guitiriz hai seis paradas, tres a Lugo, unha a Ferrol e dúas á Coruña; en Parga, só dúas facultativas-, e este perde prestacións porque se di que non hai viaxeiros. Moitos non hai, pero existen. A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, cita a unha veciña que viaxa a Lugo dúas ou tres veces por semana, sempre no tren. Onte era un deses días.

E semella que estes usuarios fieis non sempre figuran nas estatísticas. Existe esa lenda urbana sobre que non sempre se cobran os traxectos. Quizais sexa real. Unha viaxeira, allea ao grupo, pregunta desconcertada a quen lle ten que pagar a viaxe: «Yo esperaba que pasara el cobrador y no pasó». Pasou. Dúas veces polo menos. Nin pediu billetes nin falou.

A chegada a Lugo estaba fixada para as 10.56. Unha vez máis, un retraso sin importancia logo dunha viaxe «cómoda», «moi relaxada» ou «tranquila», en palabras dos usuarios, aos que esta media hora de paseo e doutra perspectiva sobre as paisaxes chairegas lles trouxo recordos doutras épocas.

«Había máis de 60 anos que non subía a un tren», confesa José Santos, "Loureiro", un veciño de Roimil (Friol) que leu no xornal que se facía esta viaxe e se apuntou sen dubidalo, volvendo aos 14 anos e a cando ía ás segas a Castela. Un recordo común, como constata José Lobeiras: «Iamos todos nel, e as bicicletas encima do tren». El tamén había tempo que non subía nun: «Desde que estiven na mili en Ferrol, no 73, non volvín entrar no tren, por iso me apetecía».

Sentado fronte a el, cunha mesa «boa para botar a partida» entre os dous, Paco Roca tamén fai memoria. Lembra ir en ferrocarril «a Lugo, á Coruña ou ás feiras... daquela, cando a xente ía colgada nas portas porque non cabía dentro». Pero non perde de vista a razón pola que está sentado a contramarcha: «Eu apunteime porque me gusta viaxar e para apoiar a reivindicación, o tren ten que seguir parando en Guitiriz».

Xa en Lugo, antes da primeira parada obrigada, a do café, Obdulia Maceiras conversa sobre o moito que lle gusta viaxar neste medio de transporte. «Úsoo para ir a Barcelona, teño ido unha noite e volver a seguinte, é xenial», comenta, case pensando en voz alta. «Teño que mirar se podo facer o mesmo para ir a Madrid». E bota a vista atrás. O compás do chacachá do tren, como cantaba El Consorcio, tráelle recordos imborrables: «Fun de lúa de mel a Londres en tren nos anos 70, foron tres días nel».

Pasan uns minutos das once da mañá e a delegación guitiricense ten toda unha xornada por diante para coñecer a cidade de Lugo antes de volver para a casa, tamén en tren. Collerán o das 19.45, que para en Guitiriz ás 20.12 antes de seguir marcha cara á Coruña. Á noite, á almofada falaranlle desas ventás no chan que un se atopa por sorpresa na rúa e lle abren a porta cara ao pasado romano lugués, máis visible na muralla pola que pasearon, ou do antes e o despois do Vello Cárcere: prisión de 1887 ata 1981, hoxe centro sociocultural.

E poderán reiterar as súas peticións, fin último desta excursión: «Que a vía de tren non sexa só un estorbo e un perigo no noso concello e que, xa que existe, dea servizos», «que se faga unha forte aposta por dar servizo para que a xente faga uso do tren», «que non se deixen morrer os tramos Lugo-Coruña e Lugo-Ferrol».

Comentarios