Prohíbese o consumo de auga da traída en Guitiriz ao non baixar o nivel do ferro

A analítica desta semana confirma que o problema continúa e o Concello xa anunciou que haberá bonificacións para aos veciños
Grifo con agua. EP
photo_camera Grifo con agua. EP

Se hai dúas semanas as analíticas da auga da traída do casco urbano de Guitiriz situaban o nivel de ferro por riba dos 1.600 microgramos por litro, unha cantidade unhas oito veces superior á aconsellable, as últimas realizadas cífrano en 1.361 microgramos por litro, confirmando que o problema persiste. Ante este dato, o Concello de Guitiriz,que xa emitira un bando desaconsellando o seu consumo, decidía prohibilo "ata que a situación se solvente".

"Desde o goberno local continuarase traballando sen descanso para liquidar esta recorrente problemática", indicaba este venres a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que pedía desculpas á veciñanza pola reiteración desta incidencia e anunciaba que se aplicarán bonificacións económicas na factura da auga a todos os usuarios afectados.

Segundo precisan dende o Concello, os controis que realiza diariamente o técnico municipal de medio ambiente indicaban que os niveis de ferro estaban a descender ata case alcanzar a normalidade, mais a analítica encargada ao laboratorio contratado polo Concello volvía a arroxar uns índices preocupantes, o que levou ao goberno local a optar por prohibir o consumo como medida preventida.

De feito, dende o bando municipal do pasado 11 de outubro moitos dos negocios de Guitiriz xa usaban auga embotellada e o Concello tamén lle estaba a subministrar auga embotellada ao Ceip Lagostelle.

A rexedora guitiricense avanzou que solicitará "unha reunión urxente con Augas de Galicia para abordar de forma conxunta este asunto" e estudar que medidas se poden adoptar. Ademais, incidiu en que hoxe está previsto que volvan a acudir a Guitiriz os técnicos da empresa que instalou os filtros desferrizadores, xa que estes non están a cumprir coa súa función de eliminar a presenza de ferro da auga procedente do pantano de San Xoán, onde se cre que se focaliza o problema.

ALTERNATIVA. Por esta razón, dende o Concello puxeron en marcha un proxecto para recuperar unha vella canalización que comunica directamente os mananciais cos depósitos, sen que a auga pase polo encoro. Morandeira precisou que as máquinas da empresa adxudicataria xa están no lugar da intervención e que as obras comezarán o luns.

Comentarios