Nos últimos catro anos o goberno local do Concello de Guitiriz traballou seguindo unha folla de ruta na que se marcaron uns obxectivos claros: mellorar os servizos e a calidade de vida dos e das guitiricenses. Para acadar estes obxectivos leváronse a cabo unha serie de accións e aplicáronse diferentes políticas tanto o no eido social, como no cultural, no deportivo, no turístico, no do emprego ou no medioambiental.
Para a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, "unha das principais actuacións foi a mellora da calidade da auga da rede de abastecemento do núcleo de Lagostelle, unha cuestión que afectaba claramente á veciñanza no seu día a día" e para a que se elaborou unha estratexia con diferentes accións para solucionar os episodios de turbidez que sufrían os fogares logo de numerosos intres nos que a concentración de ferro dos caudais levaron á administración a prohibir o seu consumo á veciñanza.
Primeiro, instaláronse filtros para reducir a presenza do químico e recuperouse unha rede de circunvalación no encoro de San Xoán para desviar o subministración de auga da presa, que tamén se baleirou para mellorar a calidade do servizo. O último paso e definitivo para afianzar esta mellora foi a modernización da estación de tratamento de auga potable (Etap), na que o Concello investiu 356.050,21 euros, financiados a través de subvencións do Idae e de Augas de Galicia, e que implicou unha reforma integral da planta co obxectivo de implantar procesos de tratamento de vangarda cun alto grao de fiabilidade.
Medio ambiente

Seguindo as directrices da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nos que o Concello de Guitiriz está involucrado, o ámbito medioambiental foi unha cuestión de referencia para o goberno local: están a suprimirse os puntos de acopio de plásticos agrícolas para iniciar unha recollida cómoda para os gandeiros; adquiriuse un punto limpo móbil para facilitar a retirada de voluminosos nos núcleos rurais, iniciouse o proceso para a construción dun Punto Limpo no polígono e instalouse unha depuradora e mellorouse a rede de saneamento en Pardiñas, entre outras actuacións. Esa aposta polo rural tamén se converteu no arranxo de 82 quilómetros de estradas en diferentes núcleos.

Políticas sociais
Todo isto sen esquecer o eido social, a área de traballo de referencia para o Concello. No Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aumentouse o número de persoal traballador e estabilizouse a súa situación para así poder atender a un número maior de usuarios e usuarias.
Tamén se ampliaron as axudas para escolares, ao material e ao transporte, para botarlle unha man ás familias a facerlle fronte aos gastos educativos. "Unímonos ao programa de Xantar na Casa para así dar servizo ás persoas que o necesitaban, ampliamos o centro de día ata 20 prazas e está adxudicado o proxecto para a construción dunha residencia de maiores no centro de Guitiriz". sinala Marisol Morandeira, quen engade que "a pesar de todo este traballo social, aínda quedan necesidades, como a ampliación de prazas para a escolarización de nenos e nenas de 0 a 3 anos, demanda para a que elaboramos un proxecto de ampliación do Punto de Atención Infantil (PAI), unha obra que estará cofinanciada polo Concello, os fondos europeos Next Generation e para a que se solicitou o apoio económico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia".
Deporte

"Somos conscientes de que Guitiriz e deporte son inseparables e por iso dedicáronse moitos recursos para estar ao carón dos nosos deportistas e clubs", explica Morandeira, a través de colaboracións económicas ou apoiando e organizando diferentes eventos deportivos como a carreira Guitiriz Termal, o Slálom ou a ruta Btteiros, dándolles continuidade no tempo para contribuír a seguir afianzando o deporte no municipio. Ademais, aumentamos os equipamentos deportivos, construíndo unha pista de pádel na antiga nave do Senpa, unha piscina infantil na zona dos Sete Muíños, mellorando os campos de fútbol de Guitiriz e Parga, e elaborando un proxecto para a creación dun circuíto de Pump Track.

Cultura e turismo

O traballo no ámbito cultural e turístico tamén tivo un impulso nos últimos catro anos, a pesar de sufrir, polo medio, unha pandemia. Colaboramos coas asociacións aumentando as axudas económicas a 25.000 euros para que levasen a cabo as súas actividades, demos continuidade á celebración dun emblema de Guitiriz como a Festa da Torta de Millo, fixemos melloras na ruta do Requeixo para convertela nun itinerario oficial e demos visibilidade á nova variante do Camiño Norte a Santiago, que é a que ten máis quilómetros polo noso municipio.
Urbanismo
O día a día dos veciños e veciñas de Guitiriz tamén mellorou grazas aos avances urbanísticos logrados. Por fin, despois de moitos anos de espera, entrou en vigor o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permite ter unhas normas e unha división do solo máis claras e actualizadas. Aprobouse tamén a Área de Rehabilitación Integral (Ari) para Os Vilares e O Buriz, cuxa primeira fase inclúe a actuación nun total de 15 vivendas e un espazo público. Emprego O crecemento de Guitiriz está supeditado ao crecemento das súas empresas e persoas autónomas. "Por iso implementamos unha bonificación do Icio, que repercute maioritariamente nas explotacións agrícolas do municipio, para así colaborar en manter un rural vivo e, durante a pandemia, estivemos sempre ao seu carón, repartindo material e axudas económicas por valor de 143.000 euros para os nosos autónomos".
"Mención aparte, polos beneficios de emprego e económicos que traerá, merece o novo proxecto de apertura do balneario de Guitiriz, que está a piques de ser unha realidade, e co que mantivemos desde hai uns anos unha colaboración constante cos seus propietarios para axilizar todos os trámites", subliña Marisol Morandeira.