Guitiriz festexa a poesía cun festival os días 12 e 13

O Concello e a NPG organizan unha ampla programación no Campo da Feira que incluirá presentacións de libros, actuacións e recitais pola rúa. Na Casa Habanera pódese ver a mostra 'Aquela nena de Sarria' sobre Xela Arias.
Presentación do festival e da exposición sobre Xela Arias.C.PÉREZ
photo_camera Presentación do festival e da exposición sobre Xela Arias.C.PÉREZ

"Queremos facer da poesía un lugar común, trasversal, democrático", precisaba Pilar Maseda o pasado luns na Casa Habanera de Guitiriz para explicar o espírito do I Festival de Poesía Guitirica, unha fiestra aberta polo Concello e pola Nova Poesía Guitirica que os este sábado 12 e o domingo 13 encherá o Campo da Feira de música, literatura e versos. 

E como limiar, que mellor que a poeta á que este ano se lle dedican as Letras Galegas? O colectivo Egeria presentaba a mostra Aquela nena de Sarria, a través da que se "dá a coñecer unha muller reivindicativa, representante do mundo rural, que traballou coas letras dende sempre", tal e como definiu María José Gómez, xefa territorial de Cultura, a Xela Arias

"Foi unha muller rompedora, que abriu camiños", engadiía Xulio Xiz, quen lembrou tamén que a grande expectación xerada pola mostra, composta por doce paneis con datos biográficos, lembranzas ou voces ao redor de Xela levou a que se fixesen outras 20 complementarias (compostas por tres prismas, once son fixas, nas sedes da Xunta, no Museo do Pobo Galego, etc. e nove rotatorias) para dar atendido a demanda.

Xiz profundizou nalgúns dos paneis dunha mostra que "tiña que vir a Guitiriz", xa que inclúe Vilariñas para Xela Arias do colectivo NPG, xurdido en 2014, noutras Letras Galegas, da man dos afillados de Díaz Castro.

Ao fío disto, Maseda salientou que ver o festival feito realidade era "unha loita" de anos, mentres que Luz Airado desexou que esta primeira edición sente as bases das seguintes. Deu tamén conta  dun amplo programa que inclúe roteiros poéticos polas tabernas, debates, presentación de libros ou unha camiñata dos Vilares ao Buriz. 

"Animámosvos a que vos acerquedes ao Campo da Feira de Guitiriz e gocedes do festival", concluíu a tenente de alcalde Paula Campo, cunha invitación extensiva á Casa Habanera, onde quen queira aínda ten ata o día 14 para descubrir a Xela.

Programa: I Festival de Poesía Guitirica
Sábado 12
11.00 ▶ Presentación da revista NPG Gazeta.
12.00 ▶ Miguel Barrera presenta Poema da Rúa das Aves.
13.00 ▶ Saúdo da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.
13.30/14.30 ▶ Actuación dos grupos de rock e de gaitas da Escola de Música Municipal.
14.00 ▶ Pregón de Alfonso Blanco.
17.00 ▶ Palestra sobre Carvalho Calero, con Loreto de Castro e Alfonso Blanco. Modera Antón de Guizán.
18.00 ▶ Luz Darriba presenta Abril.
18.30 ▶ Xulio Pardo de Neyra presenta Abecedario do país das albarizas.
19.00 ▶ Recital poético musical de Paco Rivas e Tono.
20.00 ▶ Concerto de Corredores de Sombra.
Domingo 13
10.30 ▶ Roteiro Díaz Castro, con Raúl Río e alumnado do IES.
12.00 ▶ Pas Veres presenta Lareira de soños.
13.00 ▶ Palestra sobre Xela Arias, con Xulio Xiz e Ana Barral. Modera María Xosé Lamas.
14.00 ▶ Actuación da Uned Sénior.
17.00 ▶ Ana Barral presenta Versos do desasosego.
18.00 ▶ Presentación conxunta de Non estamos preparados para medrar, de Teresa Ríos Noya, e de Bambán do vento, de Hortensia Bautista.
19.00 ▶ Entrega dos premios Vilariñas e Díaz Castro de Poesía.

Comentarios