jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

Guitiriz chora a morte do regueifeiro Reinote

Manuel García López, Reinote. XERMOLOS
Manuel García López, Reinote. XERMOLOS

Home alegre, extrovertido e falador, Manuel García López faleceu en Sesulfe aos 92 anos de idade

 

 

Guitiriz despide na tarde deste luns a un dos máximos expoñentes da conservación da tradición oral do último século, o regueifeiro Manuel García López, máis coñecido popularmente tanto polo alcume de Reinote como polo oficio que exerceu durante boa parte da súa vida, o de capador. A comitiva fúnebre partirá de Velatorios Teixido ás 17.00 horas, cara a igrexa de San Xoán de Lagostelle.

Home alegre, extrovertido e falador, faleceu en Sesulfe aos 92 anos de idade, deixando tras de si infinidade de historias, parrafadas, contos, pareados e improvisacións adaptadas a calquera situación, pois dominaba coma ninguén a arte de falar en verso. O seu oficio levouno a percorrer non só o concello de Guitiriz, senón moitas terras limítrofes, así coma a ir de feira en feira, onde fixaba na súa axenda mental as citas para o resto da semana. E eran moitas, podía botar 15 días seguidos capando... e contando contos. A súa especialidade eran as historias verdes, esas coas que lograba tanto sacarlle as cores á audiencia como arrincar gargalladas. Quen non lembra cun sorriso algunha anécdota compartida co Reinote?

As mostras de pésame á familia sucedéronse dende que se tivo coñecemento do seu pasamento, coma a compartida pola organización da Feira de Parga, recordando a "tan afable e importante persoa na historia da nosa feira" ou moitos outros veciños que quixeron destacar "su buen humor y sus buenos chistes", o feito de que sempre estaba "transmitiendo alegría y haciendo reír a la gente", ou a boa xente que era, "realmente encantador, pasará a historia quedando na nosa memoria".

Ata houbo quen quixo honrar a súa especialidade e dedicarlle un pareado, coma o de Marian Miraz: "Xa rematando febreiro, tivo Reinote o pasamento. Agora marchou coa Requecha, poñer a San Pedro contento".

Guitiriz chora a morte do regueifeiro Reinote