miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

Guitiriz acollerá un festival poético en xuño cun amplo programa de actividades

undefined
Reunión entre Concello e NPG para sentar as bases do primeiro festival de poesía de Guitiriz. EP
O Concello e o colectivo Nova Poesía Guitirica impulsan a iniciativa, co obxectivo de convertela nunha cita fixa no calendario municipal

O Concello e colectivo Nova Poesía Guitirica (NPG) traballan para poñer en pé o que será o primeiro festival de poesía de Guitiriz, que se celebrará os días 12 e 13 de xuño no Campo de Feira da localidade, na medida en que as circunstancias sanitarias o permitan.

Dende a NPG, que levaba xa tempo coa idea de organizar un grande evento poético, proposta que se viu atrasada polas restricións derivadas da pandemia, avanzan que nas vindeiras semanas se acabará de concretar un amplo programa de actos que incluirá presentacións, exposicións, concertos, un roteiro e as entregas dos premios Díaz Castro de Poesía, que convoca o Concello, e Vilariñas, promovido polo colectivo poético, co que se clausuará a cita na tarde do domingo 13.

"Pareceunos unha idea interesante, gustounos a proposta que nos fixeron dende a NPG e decidimos colaborar, porque sempre é importante apostar por facer cousas", precisou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, precisando que están a estudar como nomear oficialmente a cita.

"Queremos empezar este ano e consolidalo no tempo, nesa segunda fin de semana de xuño, e queremos implicar aos distintos sectores da sociedade de Guitiriz", avanza Antón de Guizán dende a NPG, precisando que se impulsará, por exemplo, a colaboración cos centros educativos do municipio e tamén coa hostelería, con recitais nas terrazas de distintos establecementos.

Está previsto tamén organizar a presentación de varias obras, entre as que se incluirán a de Pastora Veres sobre Os Vilares, a novela Abril, de Luz Darriba, ou o poemario de debut da guitiricense Ana Barral, Versos do desasosego. Ademais, darase a coñeccer o segundo número da revista da NPG, que inclúe entrevistas, colaboracións poéticas ou o manifesto da poesía galega de base.

Tamén haberá un oco para a música, con algún concerto e actuacións musicais, para as que se buscará a implicación de formacións locais coma a Banda Municipal de Música, e para descubrir algúns deses camiños que percorría Xosé María Díaz Castro, cunha andaina o domingo pola mañá polo roteiro que leva o seu nome, dende a súa casa natal no Vilariño ata O Buriz.

Por outra banda, en colaboración co colectivo Egeria, poderase ver na Casa Habanera durante unha semana a mostra itinerante Aquela nena de Sarria, coa que se pon en valor a figura de Xela Arias, autora homenaxeada neste 2022 polo Día das Letras Galegas.

Guitiriz acollerá un festival poético en xuño cun amplo programa de...
Comentarios