Guerreira sen armadura en UK

Bea Vivero leva sete anos como enfermeira no Reino Unido, os últimos tres nun hospital de Newport, onde vive en primeira persoa os efectos do coronavirus, enfermidade que sufriu
 
Bea Vivero, co equipo de protección, no hospital no que traballa. EP
photo_camera Bea Vivero, co equipo de protección, no hospital no que traballa. EP

Cada día, ás oito da tarde, veciños de todo o país saen polas ventás a aplaudir a quen está loitando en primeira liña contra o covid-19. Tamén en Guitiriz, onde un anaquiño desa mostra de agradecemento e de agarimo comunitaria viaxa cara ao norte e chega ao hospital de Newport, en Gales, onde traballa a enfermeira Bea Vivero. Hai sete anos, mudouse ao Reino Unido e os últimos tres lévaos en Cardiff, desde onde lle toca vivir en primeira persoa esta pandemia mundial, no profesional e no persoal.

"Estaba claro que nos iamos infectar, porque traballamos sen protección. A min doíame a espalda, unha dor rara, pero non me fixeron as probas, porque non as facían, e seguín traballando ata que empecei a sentir frío. Tiña 39,5 de febre e fun para a casa", lembra, segura de que pasou o virus, aínda que non se sometese a un test para probalo. E iso que intentou, sen éxito, que llo fixesen.

Bea pasou tres semanas illada antes de reincorporarse ao traballo, pero máis por decisión propia ca por recomendación médica. "Tiñas que estar unha semana illada e, sen non tiñas síntomas, xa podías volver a traballar. Eu botei dúas recuperándome e quedei unha máis por precaución, volvín cando me pareceu a min", di, describindo unha práctica compartida polos compañeiros que tamén enfermaron, "porque a ninguén lle fixeron caso".

No Reino Unido é onde se contabilizan máis mortos de Europa

"Máis da metade do persoal sanitario ou o pasou, ou o está pasando, e como non había xente, porque xa estabamos curtos de persoal antes de todo isto, volveu traballar ata persoal que estaba retirado", explica, dando conta do pouco preparados que estaban para a crise sanitaria.

"Non se actuou a tempo e pillounos desprevidos. Ao principio foi un caos, cando en Italia e en España empezaba o confinamento, aquí facíase vida normal e nos hospitais non tiñamos nada, non había equipos de protección", lembra, concretando que as restricións son moito máis flexibles que as de España, posto que sempre se puido facer deporte ou saír aos parques. "Se o comparo co de aquí, a situación en España véxoa ben, houbo erros, pero non se fixeron as cousas tan mal", di, e lembra que é no Reino Unido onde se contabilizan máis mortos de Europa.

É moi duro ver a xente morrer soa, sexa ou non de coronavirus, sen poder recibir visitas

"Cando comezou, o meu hospital era o que tiña máis casos de Gales", explica. O persoal sanitario só dispoñía do seu uniforme habitual e da máscara quirúrxica para protexerse e protexer. "A xente empezou a queixarse e empezou a haber protocolos que cambian cada pouco, nós hoxe temos protector facial e luvas e os únicos que teñen equipos completos son os da Uci", precisa, ao tempo que apunta a unha baixada xeral de pacientes: "Agora a xente ten medo a vir ao hospital, só vén cando lle fai falta, e hai plantas, ou mesmo as urxencias, con moi pouca xente, iso nunca na vida pasou".

Nada que ver con aquelas primeiras semanas de tolura, nas que, aínda que se pecharon plantas para acoller aos enfermos de coronavirus, "o sitio non chegaba, así que os pacientes estaban mesturados nunha mesma planta e nós, sen protección, iamos duns a outros, enfermos e non enfermos; foi moi caótico, hoxe xa é máis relaxado", precisa Bea que, aínda que traballa nun hospital público, é empregada dunha empresa privada e cobre quendas en distintas áreas, segundo a necesidade.

Nestes meses traballa, como ela di, co ‘modo avión’ conectado. "Tes que facelo, ser un pouco coma un robot, porque é moi duro ver a xente morrer soa, sexa ou non de coronavirus, sen poder recibir visitas, e ter que chamar por teléfono á familia para dicirllo, sen poder facer nada máis. É moi frustrante".  A nivel persoal tamén sente un pouco desa soidade, a que ela mesma se impuxo por precaución, unha separación dos amigos, limitándose a ir da casa ao hospital e viceversa.

Con respecto á idea de vir a España, prefire non pensar. Adoita viaxar dúas ou tres veces no ano. "Nesta época, na primavera, teño ido, pero agora é inviable e no verán non o vexo factible, así que a ver para o Nadal", comenta resignada. Porque se algo lle ensinou esta experiencia, ademais de a esperar o inesperado, é "a ser máis paciente".

Comentarios