Un grupo de voluntarios traballou na recuperación de valados nunha xornada en Muras

Esta foi a primeira actividade do proxecto 'Patrimonio Rural. Custodiando o noso legado máis singular', impulsado por Adega co financiamento da área de Medio Rural da Deputación de Lugo
Grupo de voluntarios para a recuperación dos valados, con García. EP
photo_camera Grupo de voluntarios para a recuperación dos valados, con García. EP

Un grupo de voluntarios coordinadas por Adega traballou este venres na restauración dun valado de pedra seca tradicional na zona das Ucheiras, en Muras. A actividade desenvolveuse no marco do proxecto Patrimonio Rural. Custodiando o noso legado máis singular, que a asociación ecoloxista desenvolverá nos vindeiros meses co financiamento da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

O deputado de Medio Rural, Daniel García, achegouse a Muras para coñecer de primeira man as tarefas desenvolvidas no valado e valorou a iniciativa "pola súa contribución a recuperar e divulgar o valor cultural e ambiental destes muros de pedra seca, unha técnica de construción declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco”.

A xornada é a primeira do programa, que ademais dos muros tradicionais atenderá outros elementos patrimoniais como mámoas, dolmes ou petróglifos, reforzando o traballo que Adega ten realizado neste eido con acordos de custodia con titulares de terras en distintos concellos e comarcas. Esta iniciativa consta de diferentes accións de divulgación, custodia, restauración e conservación do patrimonio cultural e ambiental en entornos rurais da provincia.

Comentarios