O grupo pontés Astra estreará o seu primeiro disco o vindeiro mes

Comporase de dez temas propios e o single, 'Ni una más', xa se pode escoitar en Youtube
Astra, no Sons da Bocanoite, a súa primeira actuación. MIGUEL LEDO
photo_camera Astra, no Sons da Bocanoite, a súa primeira actuación. MIGUEL LEDO

O grupo pontés Astra sacará o seu primeiro disco a finais do mes de setembro, avanza Carla Alvariño que, xunto a Víctor Leal, puxo en marcha unha formación cuxo obxectivo é o de "dar a coñecer a nosa música".

Este traballo estará composto por dez temas propios, lonxe das versións ás que teñen acostumados aos oídos ponteses. "Moitos xa nos escoitaron en diferentes grupos", di Carla, explicando que a relación que ten co seu compañeiro bebe dunha amizade forxada no conservatorio das Pontes e afianzada ao longo dos anos traballando cóbado con cóbado noutras formacións da vila. As ganas de ambos mozos por facer "música nosa", fixo o resto.

"Fai dous anos empezamos a compoñer por separado, pero iamos compartindo cousas, así que hai un ano comezamos a poñer ideas en común e en marzo fixémolo público", explica, pero chegou o confinamento. Durante ese período o proxecto que botaba a andar non parou e, cada un dende a súa casa, deron forma a temas que nun mes estarán dispoñibles. "Eu gravaba piano e voces e Víctor, batería, baixo e sintetizadores. Logo, el mesturaba e da parte de vídeo funme encargando eu", detalla a moza, quen non deixa de agradecer o labor doutro pontés, Miguel Ledo, o artífice de ilustracións, libreto e fotografías.

No eido musical, Carla e Víctor prefiren non cinguirse a un estilo e, aínda que entre as súas influencias están Linkin Park e Twenty One Pilots, por parte del, e Sés e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, por parte dela, o certo é que o disco conterá "algo de todo".

Moitos xa tiveron a oportunidade de tantealo no concerto que deron no Sons da Bocanoite, organizado polo Concello das Pontes, onde interpretaron algunhas versións e temas do CD, que agardan poder presentar no Alovi e que sairá en todas as plataformas dixitais e en formato físico.

Precisamente, xa se pode escoitar en Youtube 'Ni una más', unha peza sobre a violencia de xénero na que colaborou o colectivo feminista pontés -varias mulleres aparecen no vídeo, gravado no mirador de Goía- e na que engadiron un poema de Carmela Franco. "Os artistas sempre temos algo que contar", di Carla, e engade: "Se usando a música como canle para transmitir unha reivindicación lle facemos pensar a alguén, xa cumprimos coa nosa finalidade".

Comentarios